Proxección de ‘Un simple accidente’ en Pontevedra

mar13xan20:30Proxección de ‘Un simple accidente’ en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 13 de xaneiro, o Cineclube Pontevedra proxectará o filme ‘Un simple accidente’ (‘Un simple accident’, Jafar Panahi, 2025, Irán-Luxemburgo-Francia, 105 min, VOSE).

Será como sempre, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

Que ocorrería se un preso liberado se atopase cara a cara con alguén que o torturou e humillou no cárcere? O que semella un pequeno accidente de coche convértese axiña no detonante dunha cadea de eventos inesperados e cada vez máis graves.

A medida que as repercusións se expanden, os involucrados vense arrastrados a situacións fóra do seu control, enfrontando decisións difíciles e consecuencias irreversibles.

Palma de Ouro no Festival de Cannes.

Cineclube Pontevedra arrinca a programación do novo ano o 13 de xaneiro coa proxección no Teatro Principal da Palma de Ouro do pasado Festival de Cannes: ‘Un simple accidente’ (2025), do director iraniano Jafar Panahi.

Panahi, cuxa carreira está desde hai anos condicionada pola violencia que sobre el exerce o réxime iraniano, puido asistir a Cannes logo de quince anos de prohibición de viaxar por parte do seu goberno, que o tivo preso en dúas ocasións acusado de difundir propaganda na súa contra.

Baixo o pulso narrativo dun thriller, a nova obra do director é unha poderosa fábula moral que non renuncia ao humor como ferramenta para incomodar e denunciar a opresión e falta de liberdades do seu país.

O martes 20 proxectarase ‘On Falling’ (2025), debut na longametraxe da directora portuguesa Laura Carreira, quen foi premiada no Festival de Donostia coa Cuncha de Prata á mellor dirección.

Carreira adéntranos na cerna do centro de distribución onde traballa a súa protagonista, Aurora, inmigrante portuguesa en Escocia, e constrúe, en palabras de Carlos F. Heredero: «Un enérxico retrato humano que fala de explotación laboral, saúde mental e capitalismo depredador».

Pechará a programación do mes o día 27 o último traballo do romanés Radu Jude: ‘Kontinental ’25’ (2025), premiado co Oso de Prata ao mellor guión na Berlinale do pasado ano.

Jude filma cun iPhone en apenas dez días unha sátira mordaz que explora os problemas morais dun sistema económico atravesado pola especulación inmobiliaria, a xentrificación e o auxe da extrema dereita. Cun ton que vai do tráxico ao absurdo, o romanés ofrece unha demoledora análise do tempo presente.

Todas as sesións darán comezo ás 20.30 horas e proxectaranse en versión orixinal subtitulada.

Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!