Exposición ‘Do final e do comezo 2025’ | UVigo

This is a repeating event

Visitas guiadas 'Do final e do comezo 2025' en Pontevedra

dom21dec12:30Visitas guiadas 'Do final e do comezo 2025' en PontevedraTraballos de Fin de Grao en Belas Artes12:30 Pazo da Cultura de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Un ano máis, e como en edicións anteriores, o Pazo da Cultura é o escenario da mostra convocada pola Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo que, baixo o título ‘Do final e do comezo’, reúne unha selección de 25 proxectos artísticos que presentan e condensan o traballo de catro anos de formación.

Ao longo dos seus anos de formación, o alumnado achégase ao mundo da arte como un espazo de posibilidade, de acertos e erros, de construción e reconstrución. E, fundamentalmente, intenta dar resposta na última proba final cos seus Traballos de Fin de Grao, á cuestión máis complexa: definirse como creadoras e creadores.

Concretamente, poden contemplarse as creacións de Alba Pino, Aldara Rodríguez, Ana Allegue, Andrea Pin, Ángela Estévez, Cristina Insua, Fabiola Quintela, Francisco Miranda, Héctor Pousa, Iñigo Barreiro, Isis Huerga, Jimena Rodríguez, Julia Busto, Lucía Ladero, Lucía Leirós, Lucía Villar, María Rodríguez, Nerea Malvar, Noela Pazos, Paula Díaz, Sara García, Sara González, Saray Martín, Silvia Varela e Sofía Veiga.

Coa artista e docente Basilisa Fiestras como comisaria e coordinada por VacioCero Servicios Culturales, esta exposición poderá visitarse ata o 11 de xaneiro e verase complementada con visitas guiadas e talleres dirixidos a un público familiar.

Como na fotografía de Rafa Fariña, imaxe da mostra, que documenta a reconstrución do antigo cuartel de San Fernando da cidade de Pontevedra para se converter na actual Facultade de Belas Artes, as 21 mulleres e 4 homes protagonistas desta exposición, atópanse nun momento de tránsito, próximos a unha nova posición na súa vida, a un xesto que definirá os vindeiros anos e que confiamos veña acompañado de éxito.

VISITAS GUIADAS

A mostra contará con visitas guiadas para todos os públicos os días 21 e 28 de decembro e 4 de xaneiro ás 12.30 horas con inscrición previa e de balde en apuntate.pontevedra.gal

A esa mesma hora terá lugar, o domingo 11 de xaneiro, o coloquio de clausura desta exposición.

Para aquelas persoas que realizar a visita pola súa conta, o horario de apertura da sala é de martes a venres de 18 a 21 horas. Sábados de 12 a 14h e de 18 a 21h. Domingos e festivos de 12 a 14h. Os luns, permanecerá pechada ao público.

TALLERES

A exposición vese complementada por dous obradoiros para público familiar, abertos a persoas a maiores de 6 anos, ambos de carácter gratuíto, previa inscrición.

O primeiro deles correrá a cargo de Iñigo Barreiro e terá lugar o 27 de decembro ás 18.30 horas. Baixo o título de ‘Pintar/con desde a luz’, trátase dunha actividade centrada no traballo “coa percepción lumínica e como esta afecta á nosa percepción do espazo”, na que, tomando como referencia a instalación deste artista, as e os participantes poderán “descubrir a pintura vencellada á luz nunha atmosfera experimental de xogo”.

O 10 de xaneiro, ás 12.30 horas, terá lugar o taller ‘Escoitar a materia: experimentación con arxila reciclada’. Impartido por Lucía Leirós, levará ás persoas participantes a “crear pequenas pezas empregando técnicas manuais sinxelas”, como modelado básico ou estampación con elementos naturais e atopados, co obxectivo de que poidan explorar “como a materia responde, cambia e se adapta” e que esta poida “incorporar fracturas, marcas ou irregularidades como parte do proceso creativo”.

Está pasando!