This is a repeating event

XXII Festival de Cans

mar20maiConsultarXXII Festival de Cans Rías Baixas Film Fest(Consultar: martes) Festival de Cans - O Porriño

Detalles do Evento

A XXII edición do Festival de Cans, que terá lugar entre o 20 e o 24 de maio na aldea de Cans (O Porriño), contará con preto de 40 estreas, entre as que se atopan títulos como ‘Antes de Nós‘, de Ángeles Huerta, que contará coa presenza dos actores Nancho Novo, Xoan Fórneas e Cris Iglesias, así como arredor de 25 curtametraxes que se verán por vez primeira en Galicia dentro das competicións oficiais: Furacáns, Ficción e Animación e Novas Camadas.

Moitas destas obras están marcadas por temáticas como o despoboamento, a memoria ou a identidade rural, abordadas por unha nova xeración de cineastas galegos como Fon Cortizo, Diego R. Aballe, Alba Pino, Ariadna Cordal, Alejandro Jato ou Pablo Dopazo.

Presentación do XXII Festival de Cans | Festival de Cans

Entre os nomes que pasarán polo festival este ano atópase Daniel Sánchez Arévalo, recoñecido director de filmes como ‘AzulOscuroCasiNegro’, ‘Gordos’ ou ‘La gran familia española’, que protagonizará o emblemático coloquio central no Torreiro o sábado 24 ao mediodía.

Sanchez Arévalo acaba de filmar a súa sexta película, ‘Rondallas’, que levanta gran expectación entre o público da comarca ao estar moi relacionada coa zona da Louriña e con varias formacións musicais do Porriño.

O director, recoñecido tamén por asumir riscos na dirección de actores e sacar o mellor de intérpretes como Antonio de la Torre, Quim Gutiérrez ou Raúl Arévalo, estará na sección Extracans, que se recupera nesta edición do festival, e onde presentará ‘Pipiolos’, curtametraxe que ven de triunfar no Festival de Cine de Málaga.

Ademáis de retrospectivas ao cineasta boliviano Alejandro Loayza Grisi e ao Premio Pedigree Alfonso Zarauza, celebraranse encontros profesionais con intérpretes de primeiro nivel como Nerea Barros, Tamar Novas, Lucía Veiga ou María Vázquez, así como cineastas como Xacio Baño, Anxos Fazáns, Ángel Santos, Xiana do Teixeiro ou Adrián Canoura, que participarán en Fillxs de Cans, amosando imaxes inéditas dos seus próximos proxectos.

Presentación dr las Estrellas en O Torreiro | Festival de Cans

Un dos momentos máis agardados será a estrea de ‘Crónicas dun non’, documental de Fernando Rodríguez que se proxectará o venres 23 coa presenza do director.

A película mergúllase no movemento dos insubmisos dos anos 90, aqueles mozos que se negaron a facer o servizo militar por causas de conciencia protagonizando unha das maiores accións de desobediencia civil en España e Europa, determinantes na eliminación do servizo militar obrigatorio.

O documental chega a Cans coincidindo co vixésimo aniversario da supresión do servizo militar obrigatorio, e faino nun momento especialmente simbólico, co debate sobre o gasto militar de novo no centro da axenda política e social.

A programación, con forte compoñente de reflexión crítica e social, reserva momentos emotivos para a memoria histórica, coa homenaxe a Alfredo Bautista Alconero (1912-2000), que foi o prisioneiro debuxante e caricaturista dos presos de San Simón, protagonista do documental ‘Aillados’, e do que este ano se cumpren 25 anos da súa morte.

Tamén haberá unha emotiva homenaxe á Señora Alicia, veciña emblemática de Cans, falecida o pasado mes de xaneiro.

A programación musical contará con máis de 25 actuacións, que van desde as músicas de raíz ata propostas urbanas e electrónicas, en diálogo cos contidos audiovisuais do festival con artistas como Mondra, que creou un espectáculo único para musicar o filme mudo ‘Miss Ledya’, Biznaga, Santero y los muchachos, Caamaño&Ameixeiras ou o que se agarda sexa o emocionante regreso de Susana Seivane aos escenarios de Galicia, despois dun ano afastada por motivos de saúde.

Cómpre lembrar que o prazo para mercar entradas online na web do festival remata o día 21 de maio. Se sobran, despois só se venderían fisicamente os días do certame.

Hora

Consultar (Martes)

Localización

Festival de Cans

Lugar Os Eidos do Medio, 6, 36411 A Pedreira, Pontevedra

Está pasando!