Presentación do Festixeve 2023 | © Concello de Pontevedra

Festixeve chega á súa 26ª edición con forza e con gana de encher a parroquia de actividades de todo tipo e para todo o mundo

20 Xullo 2023

A procesión das empanadas e das roscas promete ser un dos intres máis curiosos do programa, alén dos concertos da Banda Xangay, Quinkillada ou a proba de aventura Orienta Xeve


Semana que comeza e semana que continúa a ter novas actividades e ciclos incluídos dentro do Pontevedra Verán Fest. Nesta ocasión, o xoves 20 de xullo comezará o Festixeve 2023, un cúmulo de actividades de todo tipo que rematará o domingo 23 de xullo.

O edil de Festas, Demetrio Gómez, indicou que a programación especial de verán continúa «cunha actividade que chega á súa 26ª edición, totalmente consolidado e con características especiais: é para todos os públicos, hai todo tipo de citas e ten as portas para todo o mundo». Florencio Chantrero, presidente da Asociación Recreativa de Xeve, repasou polo miúdo un programa que inclúe música, picadiscos, actividades infantís, gastronomía, humor e tradición, e que ten como escenario principal o Campo de Vilar de Fragoso, en Santo André de Xeve.

PROGRAMA DO FESTIXEVE 2023:

  • Xoves 20 – Cantos de Taberna con Maravallada (20h)
  • Venres 21 – Proba de aventura e orientación nocturna (Orienta Xeve) e picadiscos (21 horas)
  • Sábado 22 – Inchables (De 18 a 22 horas). Concerto de Banda Xangai, Quinkillada e picadiscos (22.30h)
  • Domingo 23 – Xantar popular, con inchables, xogos populares con Risotadas, degustación de empanada e rosca —coas súas respectivas procesións—, música coa Charanga OT

Gómez e Chantrero destacaron como curiosidade a procesión das empanadas e das roscas do domingo, lembrando a idea de romaría popular laica. «É un pequeno espectáculo coa montaxe das mesas onde levamos as empanadas do centro cultural até onde xantamos, coa charanga acompañando. É un pequeno espectáculo moi bonito de ver e moi concorrido», indicaron.

Está pasando!