Fillas de Cassandra – ‘Hibernarse’ | Arancha Brandón

Fillas de Cassandra dará a coñecer ao vivo ‘Hibernarse’ en dúas presentacións que terán lugar o 27 e 28 de xuño en Vigo e A Coruña

3 Xuño 2025

  • As citas terán lugar no MARCO e na Fundación Luis Seoane da man da Fnac; e o acceso aos directos será a través dun convite que se poderá retirar proximamente nas tendas da cadena nas dúas cidades
  • As compradoras que adquiriron o disco-fanzine na páxina web de Altafonte durante o período de prevenda recibirán un correo con información para poder acceder a estes eventos
  • ‘Hibernarse’ é un proxecto multiformato que reflexiona sobre a construción social do tempo: o seu núcleo é un EP con catro temas que se acompaña dun videofilme, dun fanzine, dunha colección de xoias da man de Toda Frágil e doutras propostas que o dúo desvelará nos ‘showcases’

Fillas de Cassandra dará a coñecer o seu novo EP, ‘Hibernarse’, en dúas presentacións exclusivas que terán lugar en Galicia contra final deste mes de xuño, concretamente o venres 27 e o sábado 28. Estes ‘showcases’, organizados dentro da iniciativa ‘Noite no museo con Fnac’, celebraranse en dous recintos museísticos dedicados á arte contemporánea, como son o MARCO de Vigo e a Fundación Luis Seoane da Coruña.

Para poder acceder a estas presentacións, nas que as artistas actuarán e darán a coñecer polo miúdo, e desde a proximidade, o proceso de creación do seu último traballo, o público poderá conseguir os seus convites nas tendas que a Fnac ten en Vigo e na Coruña. Nas vindeiras semanas, tanto a través da cadena como dos perfís das artistas nas redes sociais, daranse a coñecer os detalles do proceso.

Ademais, todas aquelas persoas que adquirisen o pack conformado polo vinilo e o fanzine de ‘Hibernarse’ na prevenda a través da páxina web de Altafonte, tamén terán opción de acceder a estas dúas presentacións exclusivas. A discográfica porase proximamente en contacto coas compradoras a través do correo electrónico.

Fillas de Cassandra | Arancha Brandón

A primeira das dúas presentacións terá lugar, como non podería ser doutro xeito, na cidade natal de Fillas de Cassandra. O MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo celebrará o 27 de xuño, a partir das 21.00 horas, unha ‘Noite no Museo’, na que María SOA e Sara Faro interpretarán os catro temas do novo EP -‘feito a man, arderse, quebrantarse e hibernarse’-, ademais de conversar co público sobre o proceso creativo do disco, as temáticas e todo o universo do que se compón ‘Hibernarse’: alén do EP e do fanzine, do seu videofilme, da colección de xoias elaborada por Toda Frágil, e unha nova sorpresa que se dará a coñecer esa mesma noite.

Ao día seguinte, Fillas de Cassandra viaxará á cidade da Coruña para presentar o seu último álbum na Fundación Luis Seoane. Así, o sábado 28 de xuño, desde as 20.00 horas, nesta ‘Noite na Fundación’ as e os asistentes poderanse achegar e coñecer, de perto, a nova obra de Sara Faro e María SOA.

Portada EP ‘Hibernarse’ | Arancha Brandón

‘Hibernarse’

‘Hibernarse’ é un proxecto multiformato e singular que versa sobre a construción social do tempo a través de distintas disciplinas artísticas. Un EP, un videofilme, un fanzine, unha colección de xoias (creada da man de Toda Frágil) e outras sorpresas -que se darán a coñecer nos ‘showcases’- conforman un universo no que María SOA e Sara Faro fan un chamado sobre a pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.

O novo traballo discográfico de Fillas de Cassandra, producido por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e por elas mesmas, é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado devagar polas artistas, que irromperon con forza no panorama musical galego coa publicación do seu aclamado álbum debut, ‘Acrópole’ (2023, Tremendo Audiovisual). Após dous anos de crecemento como grupo e con máis dun cento de concertos ás costas, o dúo pecha esta etapa, antes de facer un descanso, coa presentación de ‘Hibernarse’.

‘Noite no Museo con Fnac’

‘Noite no museo con Fnac’ é unha iniciativa que Fnac vén facendo nos últimos dez anos en cidades de toda España. Estes eventos especiais procuran achegar a experiencia das e dos artistas máis importantes do momento aos seus fans nun ambiente íntimo e en espazos culturais senlleiros que son recoñecidos polo seu labor museístico e cultural, como son o MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo e a Fundación Luis Seoane da Coruña.

Está pasando!