ZETAK e Fillas de Cassandra | © Ibai Salazar

Fillas de Cassandra e ZETAK estrean este mércores 31 o videoclip de ‘ANGULEELE’

30 Xaneiro 2024

  • O grupo galego colabora co proxecto navarro no sinxelo do seu último disco, ‘AAZTIYEN’, un álbum no que conviven a electrónica e a tradición
  • O video da canción, crítica coa violencia sexual e coa aprendizaxe do sexo a través da pornografía, estrearase ás 19.00 horas na canle de Youtube de ZETAK

Fillas de Cassandra e ZETAK estrearán este mércores, 31 de xaneiro, o videoclip de ‘ANGULEELE’, sinxelo incluído en ‘AAZTIYEN’, o último álbum do proxecto navarro. A creación audiovisual, na que María SOA, Sara Faro e Pello Reparaz levan traxes de ‘mamuxarros’ (personaxe do entroido de Unanua), poderase ver a partir das 19.00 horas na canle de Youtube de ZETAK.

O dúo vigués achega así a primeira colaboración en galego a unha canción do proxecto liderado polo creador multidisciplinar Pello Reparaz. Faino precisamente cun álbum que abre unha nova etapa para ZETAK, e no que as tradicións e os usos se enfrontan coa modernidade. “Cando Pello nos propuxo participar no tema non o dubidamos. Gústanos o seu estilo musical, parécenos un artista incrible. Desde o primeiro momento a conexión foi bonita e, ademais, interesounos moito a potencia conceptual do seu disco. Traballar xuntas nun tema como ‘ANGULEELE’, no que se pon en cuestión a masculinidade e a dominación, así como a aprendizaxe do sexo a través da pornografía, é pertinente”, sinalan María e Sara.


ZETAK e Fillas de Cassandra | © Ibai Salazar

Pola súa banda, Pello asevera que cando comezou a traballar en ‘ANGULEELE’, “tiña claro que a canción precisaba das Fillas de Cassandra”. “Elas entroncan con todo o que supón unha visión feminista e empoderada, e fan electrónica axitando elementos da tradición”, di. O inicio desta relación entre ambos proxectos musicais terá continuidade proximamente, xa que o vindeiro mes de abril -o sábado 13- Fillas de Cassandra visitará Euskal Herria para participar, por vez primeira, no ZEIDFEST GAZTEA.

O directo no Bizkaia Arena será unha das primeiras citas ao vivo que Fillas de Cassandra ofreza no 2024. Alén do concerto de presentación das ‘Últimas Dionisíacas’ en Vigo o 16 de febreiro -cuxas 1.400 entradas se esgotaron en menos de 10 días-,  Sara Faro e María SOA actuarán o 3 de marzo en Arzúa (Festa do Queixo), o 12 de abril en Donostia (no marco do ciclo Bizi ala Iraun), e nos festivais Ourensound, Ortigueira ou SonRías Baixas, entre outros.

Está pasando!