Fran Sieira Compañía de Danza presenta ‘DeMente’ este sábado en Valga

16 Novembro 2022

O Auditorio Municipal de Valga acolle o sábado 19 de novembro unha proposta de baile e música tradicional que aborda o estigma das patoloxías vinculadas á saúde mental


O Auditorio Municipal de Valga acolle este sábado, 19 de novembro, ‘DeMente’, unha obra de baile e música tradicional de gran formato da Compañía de Danza Fran Sieira que aborda o estigma das patoloxías vinculadas á saúde mental. Será ás 19.30 horas con entrada libre ata completar aforo.

En ‘DeMente’, o elenco formado por oito bailaríns e bailarinas desenvolven escenas ao son da música do compositor Cristian Silva Bóveda. Escenas que falan do sufrimento queas persoas diagnosticadas como enfermas mentais sufriron ao longo da historia: reclusión, amoreamento, contencións mecánicas e químicas, suicidios ou explotación  física. Un universo que o director e bailarín Fran Sieira plasma a través da linguaxe da danza contemporánea e da música tradicional.

Ao rematar o espectáculo o elenco participarán nun coloquio co público para comentar a peza e falar sobre saúde mental. A proposta forma parte do programa ‘Tece Redes’ do Servizo de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.


‘DeMente’ estivo os últimos meses na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, no Festival Intercéltico de Lorient, no Festival a Cielo Abierto de Bilbao e en cidades como Santiago, Ferrol e Vigo. A peza foi nominada a sete galardóns nos Premios Max 2022 nas candidaturas de mellor espectáculo de danza, mellor intérprete feminina e masculina, mellor produción e mellor deseño de vestiario, iluminación e música.

Fran Sieira Compañía de Danza foi creada en 2017 pola inquedanza do bailador de danza tradicional galega Fran Sieira de dar un paso máis na súa carreira artística. A compañía naceu coa finalidade de pór en valor o folclore galego como ferramenta base sobre a que traballar. Trátase dunha compañía que desenvolve novos proxectos artísticos e que está a ter moi boa acollida entre o público.

‘DeMente’ desenvólvense cun marco escénico e vestiario ideado por Carlos Alonso Alonso. O deseño de iluminación é de Fidel Vázquez Díaz e a estética contemporánea, dentro do baile e a música tradicional galega, preséntase a través dos ollos da bailarina e coreógrafa catalá Carla Diego Luque como directora artística.


Está pasando!