Exposición ‘Terra de Soños’ | © Concello de Pontevedra

A Fundación ”la Caixa” e o Concello de Pontevedra presentan ‘Terra de soños’ de Cristina García Rodero

13 Abril 2022

  • A exposición, organizada en colaboración co Concello de Pontevedra, enmárcase no acordo entre a Fundación ”la Caixa” e a  Xunta de Galicia para a celebración do Xacobeo 2021-22
  • As súas corenta fotografías reflicten a vida cotiá dos habitantes de Anantapur, no estado de Andhra Pradesh, unha das zonas máis pobres da India, onde viven as comunidades máis marxinais e vulnerables do país
  • A mostra forma parte do programa Arte na rúa, a través do cal a Fundación ”la Caixa” quere achegar a arte ás persoas fóra do marco habitual de museos e salas de exposicións
  • A consagrada fotógrafa dá voz ás mulleres mergullándose no seu mundo, onde se funden a alegría e o sufrimento de quen encobre con cor e elegancia os claroscuros da súa propia existencia

Exposición ‘Terra de Soños’ | © Concello de Pontevedra

A Praza de España acollerá ata o 11 de maio a mostra ‘Terra de soños’ de Cristina García Rodero, unha exposición fotográfica que reflicte a vida cotiá dos habitantes de Anantapur, no estado de Andhra Pradesh, unha das zonas máis pobres da India, onde viven as comunidades máis marxinais e vulnerables do país.

Entre os seus obxectivos, a Fundación ”la Caixa” traballa para que a sociedade se achegue á cultura e ao coñecemento. A divulgación é un instrumento básico para promover o crecemento das persoas, e por este motivo a entidade traballa para aproximar o coñecemento a públicos de todas as idades e niveis de formación. Entre estas actividades culturais, a Fundación ”la Caixa” organiza exposicións itinerantes naquelas cidades e municipios que non dispoñen dun CaixaForum, coa vontade de contribuír á sensibilización cidadá a través de contidos artísticos, científicos e sociais.

Ademais, co seu programa Arte na rúa, a Fundación ”la Caixa” pretende converter o espazo público nun museo a ceo aberto e acercar a obra de artistas de renome no panorama internacional. O programa Arte na rúa iniciou a súa andaina en 2006, e desde entón achegou ao público as creacións de referentes da modernidade como Auguste Rodin ou Henry Moore, así como artistas contemporáneos como Manolo Valdés, Igor Mitoraj ou, máis recentemente, o fotógrafo brasileiro Sebastião Salgado.

Agora, a Fundación ”la Caixa” presenta, xunto co Concello de Pontevedra, a mostra Terra de soños. Esta exposición é o froito do traballo que levan desenvolvendo conxuntamente ”la Caixa” e a Fundación Vicente Ferrer na India para mellorar substancialmente as condicións de vida dos máis vulnerables.

Convidouse a Cristina García Rodero a documentar as condicións de vida das comunidades de Anantapur. Durante un mes e medio, García Rodero visitou hospitais, centros de acollida de mulleres vítimas de maltratos, talleres, escolas e casas, logrando retratos que dan voz a aquelas persoas a miúdo esquecidas: nenos e nenas, persoas con discapacidade e, moi especialmente, mulleres. Nais, campesiñas, costureiras, noivas de distintas confesións, profesoras, enfermeiras e estudantes teñen un papel destacado neste proxecto, pois representan un dos principais motores da transformación das comunidades de Anantapur.

A mostra afonda no máis sensible e máxico do mundo feminino e na forza e a capacidade de superación das mulleres de Anantapur. A fotógrafa achegouse a elas cun respecto reverencial. Obstinada e desmedida, Cristina García Rodero soubo mergullarse nese mundo, fundirse na alegría e sufrimento de quen encobre con cor e elegancia os claroscuros da súa propia existencia.

O resultado do proxecto son 40 instantáneas; un torrente de imaxes representativas das comunidades rurais da India que cativa pola calidade compositiva e a viveza das súas imaxes. Da man da fotógrafa Cristina García Rodero descubrimos a ollada das súas xentes e introducímonos nunha paisaxe que parece suspendida no tempo.

A través da súa obra, García Rodero proponnos unha particular forma de ver a India, un mundo complexo e fragmentado. Cada fotografía constrúe un código visual coherente e sobre todo transcendente. A imaxe que se transforma en arte.


Exposición ‘Terra de Soños’ | © Concello de Pontevedra

Cristina García Rodero, unha revolución no paradigma do ollar

Cristina García Rodero é unha figura tutelar da fotografía universal, tanto pola súa personalidade como pola repercusión nacional e internacional da súa obra. Nada en Puertollano (Cidade Real) en 1949, licenciouse en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Primeira española en entrar na prestixiosa axencia fotoperiodística Magnum, entre os seus traballos destaca España oculta, que forma parte da Colección ”la Caixa” de Arte Contemporánea.

Recibiu numerosos premios, entre eles os World Press Photo 1993, Premio Nacional de Fotografía 1996, FotoPres ”la Caixa” 1997, PhotoEspaña 2000, Premio Godó de Fotoperiodismo 2000, as medallas de ouro ao Mérito nas Belas Artes 2005 e de Castela-A Mancha 2016, e recentemente o premio PhotoEspaña 2017. É a primeira fotógrafa española en ter un museo propio, na súa cidade natal.

Está pasando!