Sonia Outón e Gonzalo Arca | Concello de Vilagarcía de Arousa

Gonzalo Arca presenta o seu novo disco ‘Ni el tiempo ni la distancia’ cun concerto no Salón García

18 Marzo 2025

  • O cantautor Gonzalo Arca vén de publicar o seu novo disco ‘Ni el tiempo ni la distancia’ que presentará en Vilagarcía cun concerto no Salón García o 4 de abril.
  • Será ás 21:00 horas e as entradas xa se poden mercar en Duende, Miúdo, La Bolsa e Chirin-Jito a un prezo de 15 euros (o día da actuación custará 18 en billeteira).

“Trátase dunha oportunidade única na que desfrutar deste artista polivalente que leva 25 anos traballando”, apuntou Sonia Outón, a concelleira de Cultura de Vilagarcía, durante a presentación da actuación do concerto que terá lugar no Salón García o venres 4 de abril.

O L.P. ‘Ni el tiempo ni la distancia’, publicado o 1 de febreiro, está composto por dez temas, todos en castelán, que mesturan pop e o rock en cancións coma ‘Dama de Las Hortensias’, ‘Chulería Tropical’, ‘El Último Tren’, ‘Dispara’ o ‘Jugando a Tu Juego’.

“As letras deste disco son moi profundas e maduras, e levan ao oínte a facer un profundo exercicio de reflexión”, apuntou Outón.



Gonzalo Arca actuará xunto á banda formada polo guitarrista vilagarcián Pablo Pérez, que tamén toca para ‘Loquillo’; o teclista Xabier Viéitez; o baixista Jesús Vidal e o batería Nico Rodríguez. “Son músicos que levan tanto tempo coma min neste oficio, polo que o concerto será todo un espectáculo”, apuntou o propio Gonzalo.

Será ás 21:00 horas e as entradas xa se poden mercar en Duende, Miúdo, La Bolsa e Chirin-Jito a un prezo de 15 euros (o día da actuación custará 18 en billeteira).

“A miña idea é facer unha xira como mínimo por Galicia, aínda que non descarto ir tamén a Madrid”, apuntou o cantante, quen non dubidou en comezar a súa andadura na cidade que o viu medrar como artista.

Ademais, o espazo onde se desenvolverá o concerto é “unha das xoias da cidade”, en palabras da concelleira responsable, xa que axuda a crear unha atmosfera de intimidade que casa moi ben co estilo musical de Arca.


Está pasando!