Grande Amore | © Aigi Boga

Grande Amore ponse romántico e presenta ‘Onde ela me quer levar’

25 Maio 2023

  • Conquistaron e convenceron; así sucedeu con ‘Do meu corpo van nacer outros corpos’ e ‘Pelea’, os dous primeiros adiantos de Grande Amore, pero agora, o proxecto de Nuno Pico vai un paso máis aló
  • Pisa o acelerador e propón novos ritmos co single que agora presenta, ‘Onde ela me quer levar’; un dos temas máis especiais do próximo disco, II

Especial porque é a única canción do novo traballo que fala de amor. Especial porque, sen deixar de lado o rock que caracteriza a Grande Amore, neste tema coquetea co pop. Especial porque ‘Onde ela me quer levar’ chega acompañada dun videoclip que enternece; unha peza na que Nuno Pico comparte a historia máis auténtica: a súa.

«Entre a xente ando pampo, escoitando a súa voz. Non penso noutra cousa dende que onte me falou. Faino dunha forma que eu non sei como explicar, e sempre vou onde ela me quer levar»

‘Onde ela me quer levar’ non ten nada que ver cos adiantos anteriores. Grande Amore fai gala da súa versatilidade e agora vai máis aló. Máis rápido. Máis alto. Máis claro. Máis de 3 minutos de pura intensidade, do primeiro ao último compás.‘Onde ela me quer levar’ é un tema no que descubrirse meneando o corpo, saltando, bailando. Será imposible parar.

«Sempre que sae o Sol, sempre me pasa igual. Con ela nunca durmo e sin ela durmo mal»

Cunha base electrónica que arrastra,‘Onde ela me quer levar’ está inspirada, no que ao plano musical refírese, en The Sisters of Mercy. Soa alegre, divirte, engancha.

Conta, ademais, cunha letra que apunta a himno: «E penso que sempre vou, onde ela me quer levar, e ponme tan contento que me perdo e dáme igual». Iso é o que consegue precisamente a canción, que nos perdamos nela sen importar as consecuencias.

‘Onde ela me quer levar’ está producida por Carlangas. As voces foron gravadas por Raúl Pérez na Mina; tamén el correu a cargo da mestura. O máster foi realizado por Cem Oral en Jammin’ Masters.


‘Onde ela me quer levar’ conta cun videoclip de Xaime Miranda. Nel, as imaxes de Nuno Pico, Clara Redondo e mariagrep paseando por Frexulfe se intercalan con instantáneas da familia Pico. Hainas de todo tipo, da casa, da natureza… Predominan con todo as imaxes de Nuno nos seus primeiros anos de vida; rodeado dos seus xoguetes e a súa familia. Estampas capaces de rabuñar o corazón porque mostran a tenrura contida na felicidade dun neno.


Fai click na imaxe para ver o videoclip

«Que agora eu son a festa, que agora estou con ela, e ela róeme, dóeme. A veces é tan forte. Quero que me axude a pasar as horas mortas máis forte. Hoxe, quero que me leve lonxe»

E é que o vídeo recolle, por encima de todo, unha infancia feliz. A mirada natural daquel neno e a súa inocencia crúzanse coa actualidade nese paseo de Clara Redondo, marigrep e Nuno Pico por Santa Eulalia de Frexulfe, parroquia na que se criou o artista e á que pretende homenaxear nesta peza audiovisual; a modo de agradecemento, por todo o que supón para a súa familia.

‘Onde ela me quer levar’ chega ademais na véspera do aniversario do artista, pois Nuno alcanza este venres os 28 anos. Este lanzamento coincide tamén coa celebración do mesmo, que terá lugar este sábado, a modo de concerto, na Sala Inn (A Coruña).  Cunha posta en escena na que conta con Clara Redondo e marigrep, Grande Amore promete jarana.

PRÓXIMAS DATAS

· 27/05 · A CORUÑA (Sala Inn)

· 03/06 · MADRID (Sala Clamores)

· 15/07 · PORTAS (PortAmérica)

· 03-05/08 · BUEU (Sonrías Baixas)

· 27-28/10 · CHANTADA (O Castañazo)

+ datas por confirmar

Está pasando!