Guadi Galego e Tanxugueiras en directo | Rocio Cibes

Guadi Galego e Tanxugueiras presentan ‘Inconformismo’

7 Febreiro 2025

O novo sinxelo en colaboración, dispoñible dende hoxe, 7 de febreiro


Guadi Galego e as Tanxugueiras, trío galego formado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, acaban de lanzar hoxe, 7 de febreiro, a canción ‘Inconformismo’. Un tema que reivindica a necesidade de construír un mundo máis xusto.

Esta colaboración entre dúas das maiores figuras da industria musical galega xira ao redor da necesidade de construír un mundo máis xusto e supón un gran impacto para a mesma, cunha mensaxe clara de colaboración entre mulleres fronte á clara tendencia de apropiación masculina do sector.

‘Inconformismo’ é o resultado dunha longa e estreita relación entre Guadi Galego e Tanxugueiras, que xa quedou patente a través das múltiples colaboracións e encomios que levan sucedendo nos últimos anos. A máis importante delas tivo lugar sobre o escenario do Coliseum da Coruña, no histórico concerto de Tanxugueiras que reuniu a máis de 9.000 persoas.



A última das citas entre ambos estandartes da música galega deuse no concerto de Tanxugueiras no festival Revenidas, no que tras a emocionante interpretación de ‘Que non mo neguen’ desfixéronse en loubanzas entre elas. A culminación desta gran amizade é esta canción, un berro de amizade e sororidade que fai calar a unha industria dominada polos homes.

Á saída deste novo tema únese o anuncio do concerto de fin de xira de ‘Síntese Horizonte’, o espectáculo co que Guadi Galego se presentou ao vivo no último ano, e que se pechará na Sala Capitol o próximo 25 de outubro. As entradas xa están á venda en salacapitol.com.



MÁIS SOBRE GUADI GALEGO…

Guadi Galego unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fiado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como ‘Espido’ ou ‘Nordestin@’s.

No 2009 inicia a súa carreira en solitario con ‘Benzón’. Logo chegarían os exitosos ‘Lúas de Outubro e Agosto’ (con éxitos indiscutibles como ‘Chea de vida’ ou ‘Matriarcas’), ‘O mundo está parado’, ‘Inmersión’, ‘Costuras’ ou o máis recente ‘Roibén’ (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular.

Logo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, a artista presentou no 2024 ‘Síntese Horizonte’, unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.

Tras máis dun ano xirando, Guadi Galego despedirá ‘Síntese Horinzonte’ cun concerto na Sala Capitol o 25 de outubro.

MÁIS SOBRE TANXUGUEIRAS…

Tanxugueiras é o grupo que está desafiando e cambiando o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida.

O grupo galego abriu de par en par as portas do resto de idiomas oficiais do estado no circuíto musical, colleitando éxitos, recoñecementos e grande visibilidade grazas á súa música. Seu é o mérito de manter viva a tradición, o idioma, o folclore e dotalo de novos significados, para levalos ante un público masivo e elevar o foco das distintas culturas e músicas que conviven dentro dun estado.

No seu haber contan con concertos masivos e históricos como o do Coliseum da Coruña, sendo o primeiro grupo en galego en acadar o fito de facer sold out no maior recinto pechado de concertos do noroeste do estado. Tamén os acontecidos no Auditorio de Castrelos ante 40.000 asistentes ou o da praia de Riazor no Festival Noroeste Estrella Galicia, ante 80.000 persoas, considerado un dos concertos máis multitudinarios da historia en Galicia.

O seu transcende a música en directo, cun álbum, ‘Diluvio’, que acumula xa máis de 60 millóns de reproducións en todas as plataformas dixitais e que alcanzou o número 1 de vendas en tendas físicas a semana do seu lanzamento.

O lanzamento de ‘Pedindo Perdón’ ou as súas colaboracións xunto a Shinova, Andrés Suárez, Valeria Castro ou Hard GZ marcaron esta última etapa na que o grupo expandiu a súa influencia a novos fitos, nos que destacan a súa participación en ‘La Velada del Año’, do recoñecido streamer Ibai, ante un Santiago Bernabeu cheo e millóns de espectadores na retransmisión en vivo; ou a interpretación do himno galego no estadio de Balaídos durante a volta tras case unha década da selección galega de fútbol. Desta forma, o grupo encara un ano no que esperan seguir facendo historia para a música de raíz e as linguas oficiais.

Tras un 2024 no que conquistaron grandes recintos ao longo do estado, cun inicio de xira en Francia, Tanxugueiras segue agrandando o seu legado. O seu novo directo, englobado baixo a xira ‘AntesD’, conta co carácter máis dinámico e potente visto ata agora no grupo, nunha proposta contundente que as eleva á primeira liña da música estatal.

Neste 2025 pecharán a súa xira cos últimos concertos que as levarán de novo por toda a península, amosando a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras nos seus temas e directos, coas primeiras datas xa anunciadas:

22/02 · Festival EmigraSon · Bruxelas (Bélgica)

28/03 · Sala Es Gremi · Palma de Mallorca

11-12/07 · BIGSOUND · Pontevedra

26/07 · Festival Intercéltico do Morrazo · Moaña (Pontevedra)

Está pasando!