Guadi Galego publica o venres 12 de xaneiro o sinxelo ‘Todo esto te daré’ con Rozalén

11 Xaneiro 2024

  • O tema forma parte da banda sonora da ficción sonora producida por Audible e dirixida por Paula Cons sobre o premiado libro de Dolores Redondo
  • ‘Todo esto te daré’ é unha canción de amor inspirada nos protagonistas do texto, unha peza de amor e dor, e a propia Paula”, explica Guadi Galego

Guadi Galego inicia o ano 2024, no que regresará aos escenarios do país, coa publicación dun novo tema, Todo esto te daré, no que conta coa colaboración de Rozalén. A canción, que se acompaña dun vídeo, poderase escoitar a partir das 00.00 horas do venres 12 de xaneiro, nas principais plataformas dixitais, nas que xa é posible pregardar a peza.

‘Todo esto te daré’ nace dunha proposta feita pola directora de cine e guionista Paula Cons para formar parte da banda sonora da ficción sonora sobre o texto homónimo de Dolores Redondo (galardoado no 2016 co Premio Planeta). Trátase dunha produción orixinal da plataforma Audible e que neste caso dirixe a cineasta coruñesa, con quen Guadi Galego xa colaborou anteriormente. É o caso da longametraxe ‘A illa das mentiras’ (2020), filme para o que a cantante de Cedeira compuxo o seu tema central ‘Sálvora’.

Agora chega este novo sinxelo, unha canción de amor inspirada “na vida dos protagonistas, un tema de amor e dor e a propia Paula”, segundo explica Guadi Galego, quen celebra a oportunidade de poder contar con Rozalén na gravación. “A súa colaboración foi un agasallo. A voz de Rozalén encaixouna no sitio que tiña que estar”, apunta a creadora.



REGRESO AOS ESCENARIOS CON ‘SÍNTESE HORIZONTE’

O lanzamento de ‘Todo esto te daré’ prodúcese no mes no que Guadi Galego regresará aos escenarios do país logo dunha ausencia de máis dun ano e medio. A artista volve cun novo directo, ‘Síntese Horizonte’, unha proposta expresamente concibida para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros.

‘Síntese Horizonte’ presentarase a través de tres concertos exclusivos que a cantante ofrecerá acompañada dunha banda conformada por grandes artistas do país. É o caso de Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e de Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez no coro. Ademais, a produción do novo directo destaca tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento), froito do traballo en común que as artistas desenvolven, desde hai meses, con Guadi Galego baixo a premisa de ofrecer ao público unha experiencia musical única e transformadora.

As entradas para a estrea de ‘Síntese Horizonte’ o venres 26 de xaneiro en Santiago xa están esgotadas, mais aínda é posible adquirir os billetes para as citas de Ferrol (27 de xaneiro no Teatro Jofre) e de Pontevedra (13 de abril no Teatro Principal, no marco do ciclo ‘Resoan’). As entradas, nos dous casos, pódense adquirir na plataforma www.ataquilla.com

Está pasando!