Presentación do Entroido Poio 2022 © Concello de Poio

Historia, concursos de disfraces virtuais e obradoiros de animación para gozar dun entroido alternativo en Poio

21 Febreiro 2022

A Concellería de Cultura, en colaboración coa Asociación de Empresarios EnPoio e a Asociación Cultural Ronsel, aposta por ofrecer á veciñanza unha programación de Entroido alternativa e adaptada ao contexto sanitario actual. A edil delegada da área, a nacionalista Raquel Rodríguez, sinala que “desgraciadamente a COVID-19 aínda non nos permite recuperar ao 100% unha das celebracións máis emblemáticas e tradicionais do noso municipio, polo que apostamos por unha fórmula que mistura tradición e novas tecnoloxías, de cara a animar á cidadanía a disfrazarse e a gozar desta festa como merece, sempre de xeito seguro”.

ATÓPATE NO ENTROIDO!

A historia terá un marcado protagonismo nesta iniciativa, grazas á mostra de fotos antigas que o Concello habilitará en diferentes establecementos comerciais e de hostalería do municipio, coa colaboración de EnPoio. Serán paneis e pósters nos que a cidadanía poderá rememorar edicións pasadas do Entroido grazas ás preto de 300 fotografías procedentes do arquivo municipal, que permanecerán expostas desde principios da vindeira semana ata o 14 de marzo. Trátanse de instantáneas que, en moitos casos, remóntanse á década dos anos 80.

‘SEICA NA SECA… HAI ENTROIDO’

Por outra banda, unha das novidades con respecto ao ano pasado, no que a pandemia tamén obrigou a restrinxir as iniciativas ao formato dixital, é a celebración de ‘Seica na Seca… Hai Entroido!’ Esta será unha xornada de obradoiros e animación musical, a cargo de Javi Solla, que terá lugar o domingo 27 de febreiro, en horario de tarde, e que “está especialmente pensado para o goce de toda a familia”, explica a concelleira de Cultura. En caso de mal tempo, habilitarase unha carpa na explanada, na que se dará cumprimento a todas as medidas de aforo e seguridade que marcan as autoridades sanitarias no contexto sanitario actual.

ENTROIDO VIRTUAL

Non faltarán tampouco concursos virtuais para fomentar a celebración do Entroido “en cada familia e en cada fogar”. Así, na fin de semana do 26 e 27 de febreiro a Asociación EnPoio impulsará un certame de disfraces. Os tres mellores gozarán de premios en metálico para gastar en comercios asociados. Pola súa banda, entre o 7 e o 12 de marzo a veciñanza poderá participar no Concurso de Viúv@s e Choqueir@s da Asociación Ronsel, que ofrecerá tres premios para os mellores disfraces nas categorías infantil, individual e familiar.

Esta proposta alternativa lévase a cabo logo de que se decidise suspender, por segundo ano consecutivo, os eventos masivos do Entroido, como os enterros ou o tradicional desfile. “Confiamos en que o vindeiro ano a situación volva á normalidade e nos permita volver gozar dunha festa tan arraigada no noso concello como realmente merece”, conclúe Raquel Rodríguez.


Está pasando!