Vilagarcía converterase do 21 ao 27 de xuño nunha ‘Cidade de Libro’

15 Xuño 2021

Vilagarcía, de Libro’ reinventa e reinterpreta o tradicional formato da feira de libro para crear un orixinal proxecto no que, ademais das tradicionais casetas das editoriais, as presentacións e as firmas de libros por parte dos autores, contará cun amplo programa de actividades dirixidas a todos os públicos e a todas as idades, todas elas relacionadas co mundo da literatura e da animación á lectura.

Encontros entre escritores nos que o público poderá ter contacto directo cos autores das súas obras favoritas, roteiros literarios guiados polos propios escritores, scape rooms, obradoiros, contacontos, exposicións… teñen cabida no ‘Vilagarcía, Cidade de Libro’.

Sempre que o tempo o permita, todas as actividades celebraranse ao aire libre e serán gratuítas con entrada libre ata completar aforo (en cumprimento dos protocolos covid), coa excepción dos roteiros literarios para os que será preciso inscribirse previamente.

Plan de Promoción e Reactivación Económica

O evento deseñado e organizado polo Concello de Vilagarcía a través da colaboración de diferentes concellerías enmárcase no Plan de Promoción e Reactivación Económica deseñado polo Concello, xa que ás vertentes cultural e educativa que sempre ten un evento relacionado coa literatura e as letras, súmanse ás económicas e turísticas, ao aproveitar todos os recursos en torno á creación literaria e aos seus creadores como un elemento para dinamizar a actividade en Vilagarcía e promocionar a imaxe da cidade no exterior.

Como e todas as políticas que se levan a cabo dende o Concello, o evento presta tamén especial atención ao talento local, ao reservar un espazo propio para divulgar e promocionar a autores locais, neste caso a Carlos Meixide, autor de “Camiño de paixóns”, primeiro premio de novela “Camiño de Santiago”; Marcos Calveiro, autor de “O xardineiro dos ingleses”, Premio García Barrios 2017; Montse Fajardo, “Invisibles”, e Manuel Oubiña Losada, que asina “O misterio da illa de Cortegada”.

Ilustradores e guionistas

A ilustración de obras literarias tamén estará ben representada no evento ao contar entre os seus participantes con Kiko Dasilva e Migueanxo Prado; ao igual que a literatura levada ao cine, con guionistas da talla de Elio Quiroga.

O evento dedicará cada unha das sete xornadas a unha temática diferente. Abrirase o luns, 21 co apartado dedicado á literatura Xacobea, que conta co patrocinio da Consellería de Cultura a través do Xacobeo, e que tamén servirá para promocionar a Ruta Marítimo Fluvial Xacobea, a que seguiron os restos do Apóstolo ata o seu depósito en Compostela e que é a Orixe de todos os Camiños. O programa irá avanzando ao longo da semana con temas como O papel da muller na literatura, Novela Histórica, Cine e literatura, Fantasía e ciencia ficción, Novela Negra e Literatura infantil e xuvenil.

Autores confirmados

Jorge Molist, Idelfonso Falcones, María Oruña , Domingo Villar, Manuel Loureiro, Nacho Carretero, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Nieves Abarca, Marilar Aleixandre, Manuel Gago Mariño, Paula Carballeira, Carlos Meixide, Marcos Calveiro, Manuel Oubiña Losada, Montse Fajardo, Arantxa Portabales, Elio Quiroga e os ilustradores Kiko Dasilva e Miguel Anxo Prado.

Está pasando!