Igloo volve ao estudo para gravar o seu sétimo disco baixo a produción de Juanma Latorre, de Vetusta Morla

15 Xuño 2022

  • A banda de Caldas de Reis anunciou no seu concerto do Portamérica o inicio da gravación do seu novo traballo, que verá a luz a finais de ano e estará producido por Juanma Latorre, guitarrista e compositor de Vetusta Morla
  • Igloo lanza unha campaña de crowdfunding na plataforma Verkami para o financiamento dun disco no que levan traballando dous anos

A banda caldense Igloo pechaba a edición 2022 do festival Portamérica cun concerto irrepetible no escenario da Tafona, no que acompañados de numerosos artistas invitados exhibiron unha vez máis a súa elegancia e calidade cun repertorio, por primeira vez, integramente en galego.

Aproveitaron a ocasión para facer un anuncio importante que foi acollido con todo o agarimo polos seus seguidores: en breve volven ao estudo de gravación para darlle forma ao seu sétimo disco, cinco anos despois do anterior que levaba por nome “Aquellos maravillosos daños”.

O proxecto de Igloo atópase no seu punto álxido de maduración, como demostra o feito da súa consolidación nas salas e festivais máis importantes de Galicia e do estado como unha das bandas de referencia do indie español. Ademais, a versatilidade de Igloo está a permitirlle explorar novas fórmulas e colaboracións que gozan da entusiasta aprobación do seu público. Proba disto é a aposta que fai por Igloo quen será o produtor do seu novo disco: nin máis nin menos que Juanma Latorre, guitarrista e compositor de Vetusta Morla.

A solvencia da banda caldense e a experiencia da produción deste último dará como resultado, alá para finais deste ano, un disco no que Igloo leva dous anos traballando e que se presenta probablemente como o máis logrado do seu xa notable traxectoria musical.

Nas súas redes sociais, a banda asegura ter moi boas sensacións co que seguramente será “o disco de estudo máis traballado ata a data”. Para iso contan coa colaboración dos seus fans, que reaccionaron da mellor maneira #ante o esperado anuncio despois de dous anos tan difíciles como os que vimos de superar.

O novo disco de Igloo apoiarase nunha campaña de micromecenazgo (financiamento colectivo) na plataforma Verkami. O que popularmente coñecemos como “crowdfunding” dará a oportunidade aos seguidores máis fieis da banda de ser partícipes do novo disco, tendo a oportunidade de acceder a recompensas como packs sorpresa, ensaios e concertos VIP e, por suposto, o novo disco antes que ninguén, entre outras cousas.

A campaña, que arrincou a semana pasada e durará ata o próximo 18 de xullo xa está preto de completar o 50% do financiamento e conta co apoio de innumerables artistas e amigos que a banda fixo ao longo da súa carreira e que están a compartir vídeos de apoio estes días nas súas redes sociais.


ACERCA DE IGLOO

Igloo é unha multipremiada banda galega de indie/pop/rock, que tras 17 anos de carreira, 6 discos e 1 EP viraron polas mellores salas e festivais do país.

Contan no seu haber con premios como o Mestre Mateo, Martin Codax, UFI (actuais premios MIN da música independente), festival de Cans ou Maketón 40 Principales, entre outros.

A súa música soa con regularidade na programación de Radio 3, MTV, Sol Música, 40 Principales, etc…


Está pasando!