Kase.O Jazz Magnetism e SonDaRúa, pratos fortes do SonRías Baixas 2021 este sábado 7 de agosto

6 Agosto 2021

Dous dos pratos fortes máis esperados do SonRías Baixas neste 2021 subiranse mañá sábado, 7 de agosto, ao escenario do Recinto Multiusos da Estacada de Bueu, no Morrazo.

SonDaRúa abrirá a penúltima xornada de concertos do ciclo ás 21.00 horas. Pola súa banda, ás 22.15 horas, chegaá a quenda de Kase.O Jazz Magnetism. Ambos concertos contan con todas as entradas esgotadas desde hai dous meses.

SonDaRúa | Sábado 7 de agosto, 21.00h

Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces, e That Bass como DJ, conforman unha das agrupacións con maior proxección do panorama galego. SonDaRúa bebe da ironía e da tradición oral galega para combinalas, con moito atino, co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política. Eterno Combate é o seu primeiro LP, e con el que aterran directos no SonRías Baixas para abrir e remover as mentes do público.

Kase.O | Sábado 7 de agosto, 22.15h

O mítico rapeiro Kase.O, fundador do grupo de hip-hop Violadores del Verso e considerado un dos mellores MCs do rap en español, celebra este 2021 o décimo aniversario do seu proxecto en solitario Jazz Magnetism, un traballo no que o artista se mergulla no mundo do jazz e as súas mesturas co hiphop. A revisión desta proposta estará sobre o escenario do SonRías Baixas o sábado 7 de agosto.

O cartel do SonRías

Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, Iseo & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conforman o cartel deste SonRías Baixas 2021, no que o festival se adapta ao contexto sociosanitario e se transforma nun ciclo de concertos, con dous directos por xornada ateigados do espírito SonRías.

Na mañá deste venres 6 de agosto, SonRías Baixas anunciou nas súas redes as últimas 20 entradas dispoñibles para o concerto de despedida desta edición, o domingo 8 de agosto, con Muerdo e La Pegatina. As entradas para este sábado 7, con SonDaRúa e Kase.O Jazz magnetism están esgotadas desde hai dous meses.

Está pasando!