Lalín acollerá o Festival Gastronómico Cocidos do Camiño o 13 e 14 de maio

28 Abril 2022

  • O Festival Gastronómico Cocidos do Camiño ofrecerá unha experiencia gourmet con cociñeiros e restaurantes de primeiro nivel procedentes de Cantabria, Extremadura, Asturias e como non, Galicia 
  • José Crespo quixo suliñar que Lalín  pretende “abandeirar a gastronomía do Camiño aparellada a un prato tan típico de Galicia como o Cocido”. Lalín non é só o marco de celebración, a localidade é a razón de ser dun festival en torno ao cocido que aúna unha proposta realmente singular 
  • A banda sonora correrá a cargo dunha proposta musical de primeiro nivel achegando artistas dos territorios anteriormente mencionados: Tanxugueiras, Baiuca, Club del Río, Maluks ou Atmósfera 0, entre outros

© Club del Río

O próximo mes de maio Lalín volverá ser escenario dun encontro moi especial. O Festival Gastronómico Cocidos do Camiño celebrará unha nova edición os días 13 e 14 de maio no Campo da Feira de Lalín cunha proposta moi especial, gozar da experiencia completa ao redor dun prato tan venerado como o cocido.

E é que o Camiño de Santiago constitúe na actualidade a maior rede cultural á hora de promover calquera singularidade que se atope nalgún punto do seu percorrido. O Festival Gastronómico Cocidos do Camiño ten como finalidade facer converxer en Galicia, concretamente en Lalín, a través dun nexo como é o cocido, a diversas localidades que contan con este prato como estandarte da súa tradición culinaria.

Lalín actuará como marco da celebración pola súa singularidade, pois non se trata dun lugar máis nun dos tantos camiños; Lalín é un dos primeiros onde converxen a maior parte dos camiños que chegan do sur e do sueste da Península. Historicamente, transitaron por Lalín os peregrinos da Vía da Prata, da Vía  Augusta, os do Camiño Sur, os das distintas variantes do Camiño Mozárabe, os do Camiño de Levante, os do Camiño Portugués Interior, os do Camiño de Inverno e un longo etcétera.

É un fito nos camiños, pero tamén un lugar de encontro de xentes, de culturas e de sensibilidades gastronómicas, de produtos e de tendencias… Un lugar aberto ao mundo, de intercambio entre o atlántico e o mediterráneo, a un paso de Compostela e no corazón de Galicia. E é, ademais, localidade capital do cocido galego -pois a  Feira  do Cocido de Lalín conta coa catalogación de Festa de Interese Turístico Internacional-; por todo o anterior, o Festival Gastronómico Cocidos do Camiño atopa en Lalín algo que vai moito máis alá do seu espazo de celebración; a súa razón de ser. Así o destacou esta mañá o propio Alcalde, José Crespo, na presentación que tivo lugar esta mañá no Centro Comercial Vialia, en Vigo, na que destacou que “Lalín pretende liderar con esta acción a gastronomía dos Camiños a Santiago que é tremendamente rica e un aliciente de primeiro nivel para os miles de visitantes que fan o camiño e que ademais de acubillo espiritual poderán contar na oferta que lles da o camiño unha ampla oferta gastronómica co Cocido como referente”. Unha presentación na que que tamén houbo espazo para saborear unha tapa elaborada no momento con cocido de Lalín polo chef Alberto Currás, de Casa Currás. Unha “churribóndiga”, albóndiga feita con carne de cocido e rebozada como unha croqueta frita, acompañada de grelos tradicionais, espuma de pataca, chourizo ceboleiro e pan de Lalín.O cocido é, sen dúbida, un prato máxico. Conta con moitísimos séculos de antigüidade, pois se trata dunha das comidas máis antigas de España. Percorrer a xeografía estatal gozando da degustación do cocido típico de cada rexión é, sen dúbida, unha viaxe gastronómica de primeiro nivel, que o próximo mes de maio poderá realizarse desde Lalín. Son moitas as rexións que o fixeron seu, adaptando o prato aos seus propios produtos autóctonos. É por iso que nestes anos Xacobeo, resulta imprescindible camiñar da man deste produto culinario, tan presente en distintos territorios dos Camiños a Santiago, pois se trata dun atractivo de interese gastronómico tamén para moitos peregrinos.


Cocido Lebaniego | © Restaurante Remoña (Cantabria)

“O Festival Gastronómico Cocidos do Camiño propón un formato de gastronomía inmersiva. Os asistentes poderán gozar de diversas elaboracións desenvolvidas por cociñeiros e restaurantes de diferentes puntos do panorama nacional que teñen presenza no Camiño de Santiago. Cociñarán de maneira simultánea os seus diferentes cocidos, os cales serán degustados polos asistentes nunha experiencia gourmet de primeiro nivel”, destacou Carlos Montilla, director de I-Radia Crea, organizadora deste evento.

Así, o Cocido Lebaniego será levado a cabo por Montse Prellezo do Restaurante Remoña, en Cantabria. Julián Hurtado do Restaurante El Chozo Extremeño, Badajoz– presentará o seu mellor Cocido Extremeño, e aos fogóns de preparación do Pote Asturiano estará Cristina Rey de La Gitana Gastro-Bar en Gijón. O cocido galego terá como representante, por suposto, a unha chef lalinense, Cecilia Sanmartín de Casa San Martín.

Co Festival Gastronómico Cocidos do Camiño, Lalín conecta a súa gastronomía culinaria con outras localizacións do camiño. Co cocido como nexo común e reclamo principal para todos os asistentes, pero non o único, pois o festival tamén contará cunha proposta musical de primeiro nivel achegando artistas dos territorios anteriormente mencionados. O escenario estará integrado na experiencia gastronómica, para completala, nun espazo único e exclusivo que se desenvolverá durante as tres xornadas.


Baiuca | © Elisabet Encina

Así, os asistentes poderán gozar dos concertos de Maluks e Baiuca o venres 13, ademais dunha sesión  DJ. O sábado 14, a proposta dividirase en dúas sesións; ao mediodía, cunha actuación aínda pendente de confirmar, así como un  DJ, e na sesión da tarde noite chegará o prato forte -no que ao plano musical se refire- con Atmósfera 0 e Club del Río e coa actuación de Tanxugueiras. O peche tamén correrá a cargo dun DJ.


Está pasando!