Lendakaris Muertos, Talco, The Rapants e Sons of Aguirre & Scila súmanse ao cartel do Revenidas 2025

29 Xullo 2025

  • O festival, que se celebrará en Vilaxoán do 11 ao 14 de setembro, pecha o seu cartel coas incorporacións, entre outras bandas, de La Élite, Mondra, La Fúmiga, Sanguijuelas del Guadiana, Terrae, Filloas e figuras internacionais como os italianos Talco, un dos nomes imprescindibles e máis influíntes da escena dos skapunk europea, que de novo repiten visita ao festival
  • Estas bandas engándense aos xa anunciados Fermín Muguruza, Riot Propraganda, Dubioza Kolektiv, Baiuca, Sés, Heredeiros da Crus ou The Baboon Show
  • Os abonos están á venda na web revenidas.com a un prezo de 69 euros (+gastos de xestión)

O Revenidas 2025 pecha o seu cartel con novas e destacadas incorporacións. Entre elas aparecen figuras internacionais como os italianos Talco, un dos nomes imprescindibles e máis influíntes da escena dos skapunk europea, que de novo repiten visita ao festival.

Tamén pasarán polos escenarios do Revenidas algúns dos máis emblemáticos nomes da escena estatal do punk rock, como é o caso de Lendakaris Muertos, outra desas bandas que xa coñece de sobra o camiño ata Vilaxoán e que ofrecerá a alí o derradeiro concerto en Galicia da súa xira 20 Aniversario.

Aos navarros hai que sumar presenzas tan destacadas como a confluencia entre o trío valenciano de rap combativo Sons of Aguirre e banda alicantina de metal Scila, que ofrecerán no Revenidas o seu único concerto en Galicia deste ano. Tamén dende Valencia chegan La Fúmiga, dez músicos que combina a potencia dos metais con ritmos que van do ska ao pop alternativo, pasando pola música festiva mediterránea.

Ao cartel do Revenidas súmase tamén o dúo de synth-punk hedonista e sen prexuízos La Élite; os barcelonese Buhos, que presentarán o seu disco ‘Sempre dempeus’, editado este mesmo ano, o dúo tamén barcelonés de electropoo Svetlana, o trío navarro-vizcaíno de pop electrónico J Martina e unha das grandes revelacións deste 2025, o trío extremeño Sanguijuelas del Guadiana.

Por suposto, o cartel definitivo do Revenidas tiña que dar cabida a algunhas das propostas galegas máis sobresaíntes do momento como The Rapants ou Mondra e Galician Army que chegarán a Vilaxoán con novos discos recén publicados.

Entre as bandas galegas que se estrean no festival atopamos a Terrae, capaces de fusionar a wold music coa electrónica, a Orquestra Bravú Xangai, liderada por Xurxo Souto, a banda de punk rock do Val Miñor Seitura, e unha das figuras emerxentes máis aclamadas pola mocidade, como é Filloas, presentado por Vibra Mahou e tamén con disco por estrenar en directo.

Os abonos para as tres xornadas do Revenidas 2025 están á venda en revenidas.com a un prezo de 69 euros (+gastos de xestión).

As persoas que merquen o abono tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 10 (A Pelada) ou 15 euros (O Rial), ambas con servizo circular de bus gratuíto.

Está pasando!