Leti da Taberna e Isi no Entroido de Cobres 2024 | Concello de Vilaboa

Leti da Taberna repite como predicadora do Entroido de Cobres por segundo ano consecutivo

3 Marzo 2025

A creadora de contido en galego garante diversión na tarde da Corrida do Galo con xogos populares que será presentada polo televisivo ISI


O Entroido de Cobres encara o seu día grande cunha xornada cargada de actividades e tamén de tradicións, nalgúns casos actualizadas. A Asociación Cultural Cobres, responsable da organización da festa, mantén intacta a estrutura e sentir do Entroido tal e como chegou aos nosos días a través da transmisión oral, de xeración en xeración.

Así, na edición do ano pasado o Entroido de Cobres recuperou a figura do predicador, históricamente encarnada por un home e desaparecida nas últimas décadas, deixando este personaxe en mans da creadora de contido en galego Leti da Taberna.

A tradición indica que despois da Corrida do Galo, o predicador lanzaba o “Sermón do Galo”, así como críticas mordaces en verso contra os vicios da veciñanza. Este personaxe tiña que andarse con ollo, pois o público podía responder movendo o palco e chegando incluso a botalo abaixo.


Leti da Taberna | Cedida

Leti da Taberna, que repite como predicadora por segundo ano consecutivo, non correrá ese risco. As miles de persoas que seguen a diario a esta creadora de contido en galego nos seus diferentes perfís foron un factor importante nesta elección, pero tamén a defensa continua que @letidataberna fai do patrimonio inmaterial galego, da nosa cultura e das nosas costumes.

Chegará a Riomaior disposta a garantir diversión e para elo asegura que as súas coplas estarán cargadas de retranca, animada pola calurosa acollida que Vilaboa lle prestou o ano pasado.

Ademáis de rebuscar nas novas do concello para darlle actualidade ao seu contido, tamén ultima o testamento do galo: “voulle facer as partixas a ver si non se me enfada ninguén”.

Será sen dúbida unha das actuacións principais da xornada de mañán pola tarde en Riomaior que comezará a súa actividade ás 16.30 horas con xogos e a Corrida do Galo, presentada por ISI da TVG.

O Entroido de Cobres bailará no escenario en tres momentos distintos da tarde e haberá Galo no río e Galo na vara, para rematar coa Queima. Fanfarria Furruxa encargarase de amenizar o recinto e a velada rematará con DJ Gabry.


Está pasando!