Los Toreros Muertos sustituirá a Mägo de Oz nas Festas de San Roque de Vilagarcía

24 Xullo 2025

Los Toreros Muertos, a banda liderada por Pablo Carbonell, encherá de música e bo humor o parque da Xunqueira, en Vilagarcia de Arousa, o martes 19 de agosto.

Con entrada gratuíta, a mítico grupo da movida madrileña de mediados dos 80 fará un repaso dos seus grandes éxitos, como ‘Mi agüita amarilla’ ou ‘Yo no me llamo Javier’.

A banda celebra o seu 40 aniversario cun novo disco, ‘100.000 copias vendidas en una semana’, o primeiro álbum despois de 32 anos. Un LP en formato vinilo no que hai rock, rumba, psicodelia, surf, ritmos ‘country’ e historias marcadas pola ironía, humor acedo e sátira.

Nese sentido, segundo Pablo Carbonell, este traballo é “unha caixa de bombóns variados”. “Divertidos, bailables, algúns ácidos, outros amargos, mesmo con belisco, pero con resaibo doce ao final”, explica nun comunicado.

O proceso de contratación de Mägo de Oz péchase sen acordo, marcado por unha forte controversia.

O executivo local aclarou que o motivo da cancelación non está relacionado con opinións políticas de membros do grupo, senón co rexeitamento firme a letras que frivolizan temas especialmente sensibles como a prostitución e o consumo de drogas.

“As razóns xa foron explicadas, pero ante as diversas interpretacións que se fixeron, cómpre insistir nelas”, sinalan desde o Concello, que recalca que non se comparte nin se promove ese tipo de mensaxes nun evento público e familiar como as festas de San Roque.

Está pasando!