Presentación dos Xogos de Verán de Lourido 2025 | Concello de Poio

Lourido prepárase para seis días cheos de deporte, diversión e convivencia cos Xogos de Verán 2025

23 Xullo 2025

Celebraranse do luns 28 de xullo ao sábado 2 de agosto, e é necesario inscribirse en xogosdelourido.com


Lourido quenta motores para vivir unha nova edición dos Xogos de Verán, unha das citas máis esperadas do calendario estival no municipio. Organizados pola Asociación Cultural e Deportiva de Lourido, coa colaboración do Concello de Poio, os xogos desenvolveranse do 28 de xullo ao 2 de agosto, cunha programación repleta de actividades deportivas, obradoiros e espectáculos pensados para toda a familia.

Durante seis días, as tardes de Lourido converteranse nun espazo de encontro, deporte e animación, con excepción do sábado 2, cando tamén haberá actividades pola mañá. Fútbol 6 base, volei e tenis praia, petanca, pickleball, ximnasia, chave ou zumba serán só algunhas das disciplinas nas que poderá participar o público asistente.

Para participar nas actividades propostas, todas elas gratuítas, é necesario inscribirse previamente en xogosdelourido.com, onde tamén atoparán máis información sobre as modalidades así como os horarios de competición. No caso do torneo de fútbol 6 base, as inscricións faranse a través do whatsapp 606 257 171 ou no enderezo electrónico [email protected], facendo constar os datos do compoñentes de cada equipo (nome, apelidos e DNI).

O alcalde Ángel Moldes e o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, participaron na presentación da programación, acompañados por representantes da asociación de Lourido. A súa presidenta, Fina Moreira, recordou que xa levan moitos anos organizando esta actividade, para a que contan cunha alta participación: “Os xogos son xa unha cita obrigada para moitos dos nenos e mozos do noso municipio, cada edición son moitas as persoas que participan nestes xogos e, a todas elas, desexamos que disfruten de todas as actividades e propostas programadas”.

Pola súa banda, Moldes subliñou todo o traballo que se esconde detrás da organización destes Xogos de Verán e puxo en valor o traballo e o compromiso desenvolto pola asociación. Así, asegurou que para o Concello de Poio é importante apoiar e colaborar con todas estas iniciativas que, ademais de promover valores deportivos, tamén contribúen a dinamizar a actividade socioeconómica do concello. “Este tipo de eventos son importantes para atraer visitantes, para encher de vida os nosos barrios e as nosas rúas, pero tamén son fundamentais para que os nosos veciños conten en Poio con alternativas de ocio e de lecer atractivas e de calidade, sen necesidade de ter que desprazarse a outros municipios”, engadiu.

PROGRAMACIÓN

A semana dos Xogos de Verán comeza o luns 28, ás 18.00 horas, coa pista de obstáculos. A continuación disputarse o primeiro partido de fútbol 6 base, así como as primeiras rondas de volei e tenis praia, para rematar a xornada coas eliminatorias de petanca.

O martes 29, a tarde comezará ás 18.00 horas con obradoiros de manualidades para a rapazada. Tras o partido de fútbol 6 base, disputaranse as segundas rondas de volei e tenis praia. Ás 19.30 horas xogarase un partido de Pickleball, modalidade incluída na edición deste ano. A carreira de caramelos pechará o día.

O 30 de xullo, mércores, a tarde comezará cun novo partido do torneo de fútbol 6 base, e a partir das 19.00 horas disputaranse as semifinais de volei e tenis praia, seguido dun novo partido de pickleball. Para rematar o día, ás 20.30 horas, inclúese unha exhibición de ximnasia rítmica.

O xoves 31 abrirá a tarde Barafunda Animación, cun dos seus espectáculos para público infantil a partir das 18.00 horas. Tras o partido de fútbol 6 base disputaranse as finais de volei e tenis praia. A semifinal de chave masculina e feminina e a final de petanca disputaranse, nos dous casos, ás 20.00 horas.

O venres, 1 de agosto, a xornada arranca ás 19.00 horas cunha sesión de zumba, seguido da competición de pickleball e as finais de chave masculina e feminina. Ás 20.00 horas será a quenda da bici praia.

Para o último día dos Xogos de Verán, o sábado día 2, reservaron, ás 9.00 horas, o concurso de pesca. Ás 11.00 horas celebrarase a carreira popular e, xa pola tarde, será o fin de festa, no Parque Costa Xiráldez, coa entrega de premios e a actuación de Vides Novas.

Está pasando!