Luis Piedrahita pon en escena o sábado 3 de xuño en Vilagarcía o espectáculo ‘Es mi palabra contra la mía’

31 Maio 2023

  • Luis Piedrahita, o “rei das cousas pequenas”, volverá pisar as táboas do Auditorio Municipal de Vilagarcía o sábado, 3 de xuño, co espectáculo ‘Es mi palabra contra la mía’
  • Neste novo monólogo cheo de enxeño e tenrura, o cómico galego analiza con humor e moita retranca por que ninguén está contento co que lle tocou
  • Aínda quedan dispoñibles algunhas entradas para asistir á función que comezará ás 21:00 horas
  • Os billetes pódense adquirir anticipadamente en Ataquilla.com ao prezo de 18 e 15 euros, máis gastos de xestión

Como nas súas anteriores xiras, Piedrahita volve facer escala en Vilagarcía para presentar os seus aplaudidos proxectos. ‘Es mi palabra contra la mía’ é un monólogo escrito e dirixido por el mesmo coa colaboración do humorista J.J. Vaquero e do director televisivo Rodrigo Sopeña.

Neste novo espectáculo, o cómico coruñés volve a uliscar a realidade con afán de porco trufeiro e saca a relucir os aspectos máis absurdos do noso día a día, tratando temas de tan fondo calado existencial como as cellas negras das señoras maiores, o medo ao váter alleo ou o amor verdadeiro.


Profundas reflexións de voo galiñáceo e improvisacións meticulosamente ensaiadas que conducen a que todos os espectadores acaben chegando á mesma conclusión: só o humor fai a vida soportable.

Humorista, escritor, ilusionista, guionista e director de cine, Luis Piedrahita saltou á fama cos seus enxeñosos e descritivos monólogos sobre a vida cotiá e as palabras, con intervencións en programas de “stand-up comedy” como El club de la comedia, e colaboracións en famosos programas de televisión como El Hormiguero, onde tamén fixo gala da súa faceta como ilusionista.

Entradas anticipadas á venda ao prezo de 18 e 15 euros (máis gastos de xestión) en Ataquilla.com


Está pasando!