Marián Sanmartín e Raquel Soage | © Concello de Marín

Marín anuncia unha dinamización “con moito xeito” para todo o verán

19 Xuño 2021

Un verán con xeito. Iso é o que nos espera desde o arranque do mes de xullo ata setembro! O Concello de Marín volve apostar por un intenso programa de dinamización musical, cultural e de ocio que nos permita gozar dunha das estacións máis bonitas do ano no municipio, apoiando ao talento local e poñendo en valor as nosas rúas e prazas.

As concelleiras Marián Sanmartín e Raquel Soage presentaron a campaña de dinamización do verán, que só no mes de xullo aglutinará case 50 actuacións de música, maxia, folclore e outras disciplinas, que se sumarán ás citas grandes anunciadas para os días centrais das Festas do Carme.

O programa completo poderá consultarse de xeito online, accesible a través dun QR e da web do Concello, e permitirá que as actuacións que organice a hostalaría pola súa banda poidan incorporarse á parrilla para poder darlles visibilidade. Iranse anunciando as citas programadas ata finais de xullo e a medida que avancen as semanas incluiranse máis detalles de todo o que está a preparar o Concello para agosto e setembro.

Un pequeno formato que revalidará o éxito do ano anterior, espallado por distintos puntos do centro urbano e cun marcado carácter local, para toda a familia e co obxectivo de gozar dun verán de festas, de solpores, de música, de praia e de xogos para os máis pequenos, tal e como se pode ler na campaña promocional lanzada polo Goberno local.

“Queremos replicar o traballo que realizamos o pasado ano, apostando polo terraceo, pola hostalaría, porque sabemos que é un motor de dinamización económica que se funciona axuda a que todo o demáis tamén funcione”, explicou Sanmartín durante a rolda de prensa.

No caso de que algún establecemento queira sumar a súa programación á do Concello, pode enviar a súa información ao email prensa@concellodemarin.es

“Apostaremos, ademais, por todo o talento marinense e local, grupos de música e de dinamización que sexan da nosa vila e da contorna”, engadiu. Coma sempre, cumplirase con todos os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Tal e como xa se anunciou, os días grandes das Festas do Carme terán o seu propio cartel, que se presentará para a vindeira semana, terán actuacións de gran formato, en sillas e co aforo limitado, a través da reserva de entrada previa gratuita.

Serán o concerto de DVicio e da París de Noia, sempre que a proba piloto do sábado 19 de xuño ben, e a actuación de maxia de Pedro Volta.

Está pasando!