‘Matria’ chega a Pontevedra a través dun pase especial no Teatro Principal

9 Maio 2023

  • Este mércores, 10 de maio, a película galega poderá ser vista na Boa Vila cunha proxección aberta e de balde, que contará coa presencia do director, Álvaro Gago, as actrices María Vázquez e Susana Sampedro, o produtor Dani Froiz
  • Ademais, trala proxección, o público poderá gozar dun coloquio conducido por Suso Novás, director do festival Novos Cinemas


Case dous meses despois da súa estrea, Matria, o filme dirixido por Álvaro Gago, continúa a ser proxectada en moitas das salas de cinema do país, ademais de Madrid e Barcelona.

Pontevedra, cidade coa que a película garda unha relación especial, foi escollida para un pase especial no Teatro Principal que traerá até a cidade a presencia do nomeado director, das actrices María Vázquez e Susana Sampedro, e o produtor Dani Froiz.

Este mércores, 10 de maio, o Principal abrirá as súas portas a partir das 20:00 horas para darlle a posibilidade a todo aquel que o desexe de ver de balde un dos últimos fenómenos do cinema galego.

Matria saíu a exhibición con seis decenas de copias, o que a fai a maior estrea comercial da historia dun filme en lingua galega. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, anima a toda a veciñanza do municipio a asistir e gozar dunha proxección deste nivel, que sitúa de novo a Galiza e Pontevedra no mapa da creación fílmica internacional.

Após o visionado do filme, tamén será realizado un coloquio conducido por Suso Novás, director do festival Novos Cinemas.


Está pasando!