Melchor, Gaspar e Baltasar volven visitar Pontevedra cunha ampliación do percorrido da Cabalgata e con gana de facer felices a todas as crianzas

3 Xaneiro 2023

  • O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizará a recepción oficial dos Reis no Pazo de Mugartegui ás 11.00 horas
  • Ademais de percorrer as rúas da cidade, as súas maxestades de Oriente visitarán distintos espazos ao longo do día, como a residencia de maiores de Campolongo ou o Estadio da Xuventude durante o V Torneo de Reis

Os Reis Magos, as súas maxestades de Oriente, volverán pisar terras pontevedresas este 2023. Atrás queda a crise sanitaria provocada pola Covid-19, que impediu esa normalidade de ilusión e tradición entre Reis e crianzas, de cabalgadas en movemento e as riadas de caramelos desde as carrozas. A Boa Vila recupera este ano a Cabalgata de Reis polas súas rúas, que queda programada para este xoves, 5 de xaneiro, con saída ás 18.00 horas desde a Avenida de Lugo.

Así, o percorrido que farán os Reis Magos continuará por Loureiro Crespo, Benito Corbal, a praza da Peregrina, Michelena, a praza do Concello e até a rúa Alameda. O Concello de Pontevedra lembra que cómpre seguir as instrucións dos corpos de seguridade e dos voluntarios de Protección Civil co fin de garantir o benestar de todas as persoas que acudan a ver a Cabalgata. Está previsto que sexan repartidos preto de dúas toneladas de caramelos sen gluten pola comitiva.

Porén, antes deste tradicional paseo, as súas maxestades de Oriente participarán en diversos actos pola cidade ao longo do día. A súa presencia será un regalo máxico para moitos, nenos e nenas, e mesmo adultos. Deste xeito, os Reis Magos deixarán constancia da súa presencia en diferentes medios escritos e radiofónicos de Pontevedra ao longo do mañá, como é o caso de PontevedraViva, Cadena Ser, La Voz de Galicia ou o Diario de Pontevedra. Ademais, tamén estarán pasarán polo Club Social e Deportivo de Campolongo (10.00 horas) para logo facer unha visita aos maiores da residencia de Campolongo (10.45h), continuando cunha visita ao Estadio da Xuventude (12.30 horas) para asistir á gran festa do atletismo do V Torneo de Reis.

Por suposto, os Reis serán recepcionados polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva, no Pazo de Mugartegui, que agardan poder desexarlles unha boa xornada repartindo regalos a todas as crianzas que agardan por eles. Esta visita está prevista para ás 11.00 horas, intre no que tamén saudarán desde os balcóns do emblemático edificio.

Unha comitiva con seis carrozas e moita animación

A cabalgata dos Reis Magos será unha festa en toda regra. Música, animación, caramelos, sorrisos… Até seis carrozas de gran tamaño circularán polas rúas da cidade con motivos variados, que se moven entre as películas e series de animación ou o mundo animal.

Deste xeito, Zona Monumental participará coa carroza Tigre Siveriano; Avícola de Galicia cunha de Pocahontas, Supermercados Froiz coa de Dragon Ball, para logo Melchor, Gaspar e Baltasar ter cada un o seu correspondente transporte desde o que ofrecer caramelos e saúdos.

Porén, as carrozas son só unha parte desta festa. Os seis transportes estarán acompañados de máis de dúas decenas de grupos e propostas de animación creados por diferentes colectivos e agrupacións como Rivel Animación, Barafunda, Art-Monium, Troula ou Pablo Méndez. Por suposto, a música tamén estará presente coas actuacións da charanga Airiños de San Martiño, o grupo folclórico Pola Vila, Duos Pontes ou os Fervellos do Pío.

Cómpre lembrar que os camelos presentes durante o percorrido non serán reais —ou non serán seres vivos—, e desde o Concello tamén se indica que ningún animal será utilizado durante a cabalgata.

Está pasando!