‘Pegadas de Castelao’ | Migallas Teatro

Migallas Teatro realizará unha función do espectáculo ‘Pegadas de Castelao’ en Monte Porreiro

16 Maio 2025

O sábado 17 de maio ás 19.00 h no Centro Cultural de Monte Porreiro, Migallas Teatro realizará unha función do espectáculo ‘Pegadas de Castelao’ dentro das actividades organizadas polo Concello de Pontevedra nos programas ‘Maio, mes da lingua 2025’ e ‘Ano Castelao’.

‘Pegadas de Castelao’ é un espectáculo dirixido a todos os públicos a partir de 6 anos que ten como obxectivo a difusión da figura e da obra de Castelao en todas as súas facetas: escritor, político, artista, promotor cultural etc. dunha forma amena e divertida.

Para lograr este obxectivo, combínanse diferentes técnicas dramáticas: monicreques de silueta, de luva e cabezudos inspirados nos debuxos e relatos de Castelao, teatro de actor, pantomima, cantar de cego etc., todo acompañado por música en directo e cantigas populares vinculadas á súa vida e obra.

Tal como o seu nome indica, ‘Pegadas de Castelao’ tenta amosar as profundas pegadas que deixou Castelao na historia e na cultura de Galicia así como avivar o interese por afondar no coñecemento da súa vida, da súa obra e do seu pensamento.

A función conta coa colaboración da Asociación de Veciños ‘O Mirador’ de Monte Porreiro e a entrada é de balde ata completar a cabida.

Está pasando!