Miguel Ángel Revilla coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas | Concello de Redondela

Miguel Ángel Revilla será o encargado de ler o pregón da XXXIX Festa do Choco de Redondela

9 Abril 2026

  • O ex presidente cántabro ofrecerá o pregón e protagonizará un coloquio previamente no Auditorio da Xunqueira.
  • A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que a presenza de Revilla “é un impulso excepcional para a proxección exterior da nosa festa e do noso produto”.
  • Desde o Concello convídase a toda a cidadanía a participar na Festa do Choco, do 8 ao 10 de maio, e a gozar dunha das citas gastronómicas máis importantes de Galicia.
  • A lectura do pregón será o domingo día 10, e a charla con Miguel Ángel Revilla será o sábado día 9.

O Concello de Redondela anuncia oficialmente que o recoñecido político e escritor Miguel Ángel Revilla será o encargado de ler o pregón da XXXIX Festa do Choco. A celebración, que terá lugar do 8 ao 10 de maio, contará así cunha das personalidades máis queridas e mediáticas do panorama estatal para honrar o produto estrela da enseada de San Simón.

A alcaldesa, Digna Rivas, amosouse hoxe especialmente satisfeita por confirmar esta noticia: “É unha honra para Redondela que unha figura co carisma e a capacidade de comunicación de Miguel Ángel Revilla aceptase o noso convite. Non só é un gran embaixador da gastronomía e dos produtos do mar, senón que a súa presenza axudará a que a Festa do Choco teña unha repercusión nacional sen precedentes”. Desde o Concello destacan a figura de Revilla como un referente na defensa de políticas sociais e servizos públicos, cun discurso marcado pola igualdade e a xustiza social.

A lectura do pregón será o domingo día 10, xornada grande da festa, e a charla con Miguel Ángel Revilla será o sábado día 9 cun coloquio no Auditorio da Xunqueira, onde os veciños e visitantes poderán escoitar as súas reflexións e vivencias nun formato próximo e participativo. “Queriamos que a veciñanza tivese a oportunidade de escoitalo de preto nun coloquio máis persoal antes do bulicio da fin de semana. É unha oportunidade única para gozar da súa lucidez e das súas anécdotas antes de centrarnos na festa a fin de semana”, sinala Rivas.

A alcaldesa concluíu convidando a todos os galegos e galegas a achegarse a Redondela: “Estamos a traballar para que esta sexa unha edición histórica, unindo a calidade inigualable do noso choco coa hospitalidade que nos caracteriza e un pregoeiro de excepción”.

Está pasando!