Mundo Prestigio | @ Arancha Brandón

A banda viguesa Mundo Prestigio presenta ‘Hay cosas que se echan de menos’

15 Xaneiro 2024

Mundo Prestigio estrea o ano xunto ao artista Kiliki Frexko; de agasallo, unha canción dub que pode ser a banda sonora tanto dunha tarde no sofá como da pista de baile do teu after de confianza


Mundo Prestigio é o clan galego integrado por Ju, Brais, Fiz e Fer. Da man de Ernie Records, o pasado 2023 publicaban ‘Personas’, o primeiro adianto do seu próximo traballo. Agora, dan a benvida a un 2024 calentito no que, ademais de seguir virando como a banda de Carlangas nos seus directos, e tras presentarse recentemente xunto a el coa formación Carlangas y Los Cubatas, presentarán o seu disco como Mundo Prestigio. Hay cosas que se echan de menosé o segundo adianto de ‘Eterna Constanza’, a publicación que pronto verá a luz baixo o selo Ernie Records.



Hay cosas que se echan de menos xorde da conexión co artista navarro Kiliki Frexko, amigo da banda. O tema xurdiu de vez, propuxéronse facer un dub e en poucos minutos tiñan a maxia; o tema estaba listo.

Como curiosidade, a banda conta que a canción «foi concibida no noso antigo local de ensaio, nun serradoiro a escasos metros do lugar no que se cometeu o maior caso de fraude fiscal da historia de Vigo e, onde sospeitamos, sen probas, pero tamén sen dúbidas, que se puideron aproveitar as instalacións para desfacerse de posibles probas no proceso. Quizais sen sabelo, todo isto exercese certa inspiración para a nostalxia que supura a canción, ou quizais non».


Mundo Prestigio | @ Arancha Brandón

E é que sexa cal sexa o motivo, o certo é que si, é posible que ‘Hay cosas que se echan de menos’ supure algo de nostalxia, ou non, quizá é simplemente pura enerxía, porque é unha canción capaz de poñer a bailar mesmo á nosa rabia interior.

Porque o tema tómanos da man desde os primeiros acordes, guíanos ata que rompe e déixanos encerrados aí, incapaces de saír da sacudida que supón gozala; baléiranos antes de devolvernos á calma.

O que está claro é que esta conexión Navarra-Bahía de Vigo brilla; Kiliki Frexko-Mundo Prestixio é unha engrenaxe que funciona á perfección. Como a base e a letra de ‘Hay cosas que se echan de menos’, que conxugan ata atrapar. Será imposible saír.


Está pasando!