O XXII Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra combinará actividades presenciais e virtuais entre o 23 de abril e o 9 de maio

18 Abril 2021

A XXII edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, ‘Emerxencia Literaria: os libros salvan o planeta’ apostará polo espallamento de actividades presenciais, cun espazo fixo na Illa do Covo e unha furgoneta “Rodalibros” que levará actividades ás parroquias do 23 de abril ao 9 de maio.

Dadas as restricións de aforo e medidas sanitarias é preciso reservar no seu web www.salondolibro.gal entradas (de balde) para prácticamente todas as súas actividades.

Estas entradas gratuítas, estarán a disposición do público de mércores a mércores a partir o 21 de abril e a organización agradece que, no caso de non poder acudir, se notifique para poder liberalas.

Podes descargar o programa aquí.


PARA GOZAR DO SALÓN, TEDE EN CONTA QUE…

Todas as actividades son de balde pero, para controlarmos os aforos, cómpre INSCRICIÓN PREVIA para TODAS AS ACTIVIDADES. As fins de semana tamén tes que reservar para visitar o espazo ambientado no Pazo de Cultura.

Para inscribirvos, teredes que visitar o web: www.salondolibro.gal no apartado PROGRAMACIÓN 2021 e escoller, dentro do calendario, a actividade desexada. Unha vez dentro da actividade, preme no apartado RESERVAR ENTRADA, escolle o número de prazas que desexas e dálle ao botón de CONFIRMAR RESERVA. Ollo! Se non dás a CONFIRMAR, non se fai efectiva a reserva.

Logo recibirás un correo electrónico de confirmación, cun código de barras que debes levar no teu móbil (ou impreso, se non usas smartphone) á actividade.


OLLO! ATENCIÓN! MOI IMPORTANTE!

As actividades este ano teñen un aforo MOI REDUCIDO polas restricións COVID19. Isto permitirá, con certeza, unha atención personalizada e unha experiencia magnífica e única en cada actividade PERO se por algunha razón tedes entrada e NON podedes vir ESCRIBIDE O ANTES POSIBLE ao correo: reservasalondolibro@gmail.com indicando día, hora e actividade e nº de prazas que “liberades” para que poidamos poñelas de novo “á venda”.


ORGANIZACIÓN, SEGURIDADE, PACIENCIA E… A GOZAR!

A pandemia quitounos a posibilidade de improvisar, de chegar enriba da hora… pero non nos impedirá gozar, un ano máis, do noso querido Salón.

Tentade chegar só un chisco antes das actividades mpara evitar amoreamentos innecesarios e tede paciencia porque a loxística será máis complicada que os outros anos (como a vida, en xeral).

Tedes que traer máscara e aplicar xel hidroalcohólico para todas as actividades e, IMPORTANTE, NON SE PODERÁ COMER nos espazos pechados nin nos abertos se non gardamos a distancia de seguridade.

Entre todos e todas faremos un Salón seguro.


PRÉSTAMO DE LIBROS

Para compensar as restricións de aforo, este ano decidimos habilitar o préstamo de libros da biblioteca do Salón. A que mola? Podedes levar DOUS LIBROS por crianza por un máximo dunha semana. Temos unha chea de libros novos para compartirmos con vós! Máis de 2.000 libros ao voso dispor!


VISITAS AO SALÓN

De luns a xoves, para visitar o espazo ambientado do Pazo da Cultura podes achegarte sen reserva previa, mais debes deixar os teus datos na entrada.

Os venres pola tarde, sábados e domingos, para visitar o Salón, debedes “reservar entrada” en calquera das quendas de visita:

– De mañá na quenda de 11.00 a 12.15h

– De mañá na quenda de 12.45 a 14.00h

– De tarde na quenda de 17.00 a 18.15h

– De mañá na quenda de 18.45 a 20.00h

Para iso, dentro do calendario de actividades de cada día, podes escoller a opción que máis che preste. Tamén poderemos facilitarche entrada in situ, se aínda quedan prazas de visita dispoñibles. Para garantir a túa praza, mellor reserva antes, axilizarás o proceso e axudarasnos moito ás que traballamos na organización!


ONDE

Para o máximo goce e a seguridade de todos e todas, o Salón ocupará distintos espazos da cidade e as parroquias. Teremos unha “sucursal” fixa na Illa do Covo, ao ar libre.

No caso de que a climatoloxía non o permita, reubicaremos as actividades no Pazo da Cultura, en espazos seguros e confortables.


APERTURA DE BILLETEIRAS VIRTUAIS

Cada mércores, desde o mércores 21 de abril, abriremos as billeteiras das actividades da semana, de mércores a mércores.


Está pasando!