Nace ‘Banda á Feira’ para encher de cómics as rúas de Vigo

31 Maio 2022

Os días 4 e 5 de xuño celebrarase en Vigo a primeira edición de ‘Banda á Feira’, un evento organizado pola Asociación de Veciños do Calvario e que pretende achegar o cómic aos vigueses sacándoo ás rúas.

Recoñecéndose como un evento humilde e coa filosofía clara de facer que todo o mundo poida gozar do cómic, ‘Banda á Feira’ propón dous días nos que haberá charlas, talleres para os máis pequenos e varias exposicións dispostas ao longo da zona peonil da rúa Urzáiz, nos arredores do Mercado do Calvario.

Durante estas dúas xornadas visitarán a cidade varios autores do panorama nacional como Borja González (The black holes, Grito Nocturno), Mayte Alvarado (La isla), Carles Dalmau (Planeta Manga) ou Anabel Colazo (Encuentros cercanos, Espada) e entre todos eles compoñerase unha exposición ao aire libre que encherá de arte as rúas do barrio. Exposición que se completará cunha mostra de Subnormal, o cómic sobre acoso escolar dos vigueses Fernando Llor e Miguel Porto.


Está pasando!