Nace en Pontevedra o ‘Lérez Up’, o salón de videoxogos e cultura friki

9 Xuño 2022

Este verán, o ‘Lérez Up’ reunirá a apaixonados da cultura xaponesa, dos videoxogos, do manga e do anime, os días 27 e 28 de agosto no Recinto Feiral de Pontevedra. O salón contará cunha programación apta para todos os gustos, dende charlas e talleres ata competicións con premios.

Os fans dos videoxogos poderán combater en diferentes torneos como o do League of Legends ou Valorant. Destaca tamén o nacional de Smash Bros. Ultimate, reunindo a máis de 250 aficionados de toda a península. O lugar contará ademais con consolas para xogo libre.

Unha das actividades principais do ‘Lérez Up’ será o concurso de cosplay. Un xurado profesional premiará á mellor caracterización dunha personaxe, valorando a súa actuación, vestimenta e representación. Este xurado tamén protagonizará diversas charlas sobre o mundo do cosplay, como “Iniciación a maquillaxe e taller”.

Asimesmo será un espazo para pequenos artistas e artesans que queran mostrar as súas obras na zona de stands, dando visibilidade a pequenos creadores locais.

Organizado pola asociación Gaming Troop e o Concello de Pontevedra, ‘Lérez Up’ pretende ser un punto de encontro xuvenil, contando coa presenza de outras asociacións que ofrecerán diferentes actividades ó público. Un evento que aspira a converterse nun referente para a cidade de Pontevedra.

Todas as inscricións, ademais de máis información sobre o desenvolvemento dos torneos, está dispoñíbel na páxina oficial da asociación gamingtroop.es


Está pasando!