Nigrán imaxina o seu futuro cun marzo cheo de cultura e natureza

7 Marzo 2023

  • O Concello de Nigrán lanza xunto a Teatro do Ar e SomosTerra unha programación con 17 actividades gratuítas co obxectivo de amosar o gran valor natural do municipio
  • Arranca este sábado cun obradoiro sobre natureza e teatro para os máis pequenos desde as 11:30 horas no Auditorio sen necesidade de inscrición previa
  • As persoas interesadas en participar nas rutas teatralizadas ou nos obradoiros de interpretación e de horta poden facelo na web municipal 

Como se imaxinan que será Nigrán no futuro? Esa é a pregunta coa que o Concello, Teatro do Ar e SomosTerra crean o programa do ‘Mes da Natureza’ que encherá de cultura e sostibilidade os distintos espazos do municipio con 17 actividades gratuítas para pequenos e maiores co obxectivo de amosar o gran valor natural da comarca, divulgar a importancia do coidado da nosa contorna e crear como sociedade as ideas dun Nigrán máis sostible, máis accesible e máis xusto.

Esta programación especial arrancou o sábado 4 de marzo ás 11.30 horas no Auditorio Municipal cunhas xornadas de natureza e teatro para os máis pequenos da casa.

“Celebraremos a nosa natureza a través da voz e a visión de dous colectivos de mozos de Nigrán como son Teatro do Ar e SomosTerra, á vez que lle damos voz a unha representación do gran número de empresas sostibles e innovadoras como do municipio como Trisk-Ale ou Ertha Surfboard”, explica o alcalde, Juan González. Así, o rexedor quere animar á veciñanza a participar e deixar nunha caixa as súas ideas do Nigrán do futuro.

Desde Teatro do Ar e SomosTerra explican que a idea deste proxecto “nace do desexo de converterse nunha sociedade máis sostible e xusta que creza da man da súa natureza”. “Somos mozos e mozas que queremos crecer nun Nigrán saudable, con posibilidades e accesible, e consideramos que todos os veciños e veciñas poden participar neste proceso cunha chea de ideas que deixaremos na mesa do Concello de Nigrán e das distintas entidades do tecido social de Nigrán”, explican ao tempo que lembran a todas as persoas interesadas que as actividades son gratuítas e que algunhas, como as rutas teatralizadas ou obradoiros de interpretación e hortas requiren dunha inscrición previa que poden facelo aquí.



Obradoiros de horta e interpretación na natureza

Unha das chaves da programación é acercar a nosa natureza a través da cultura. Para elo, organízanse varios obradoiros de horta e teatro para pequenos e maiores.

O xoves 9 de marzo todas as persoas que o desexen poderán iniciarse no traballo na terra cunhas xornadas abertas na horta municipal da Ramallosa ás 17.00 horas, o mesmo lugar acollerá o martes 14 á mesma hora unhas clases de teatro abertas que utilizará o espazo como un escenario. A horta de Nigrán, no parque Vázquez Grela, tamén acollerá as xornadas de traballo na terra o xoves 23 ás 17.00 horas e as de teatro o martes 28 ás cinco da tarde.

Tamén todos os cursos de sexto de primaria e primeiro da ESO dos colexios públicos de Nigrán recibirán un obradoiro de natureza e teatro para recoller a opinión dos e das máis pequenas do concello.

Rutas teatralizadas

Coñecer o espazo natural de Nigrán é outro dos obxectivos do Mes da Natureza. Haberá dúas rutas teatralizadas: unha polo sendeiro dos Matos de Camos con saída o domingo 12 ás 11.00 h no que se poderá ver a actividade agraria histórica da parroquia á beira do río Muíños, e outra polo Parque da Memoria e o Castro de Chandebrito no que se lembrarán os incendios, estudarase a xestión forestal e a vida castrexa. Será o domingo 19 ás 11.00 horas.

Xornadas de economía local

O sábado 25 de marzo o Auditorio Municipal acollerá unhas xornadas adicadas a formar e dar voz ao tecido sostible e económico de Nigrán. Comezarán ás 16.00 horas cun taller aberto ao público no que traballar distintos aspectos para emprender e traballar no comercio local con sostibilidade, ás 17.00 h haberá unha mesa redonda na que empresas como Trisk-Ale ou Ertha Surfboard falarán da súa experiencia emprendendo en Nigrán, e ás 18.00 horas será a quenda da charla “Restauración de ecosistemas en climas desérticos”, da man do nigranés que está a reforestar o Sáhara, Alexandre Pereira.

Obra de teatro e certame literario

O sábado 18 será a entrega de premios do certame ‘Ollo con Nigrán’, un concurso de vídeo onde se difunde a natureza do concello con 1.000 euros, e o o domingo 26 ás 19.00 horas no Auditorio Municipal Teatro do Ar estreará a súa nova obra “Chao”, unha peza que reflexiona sobre o abandono rural e as memorias que desaparecen cos lumes que se apagan no fogar.

Está pasando!