O programa ‘Noites Abertas’ xa está en modo “desconfinamento”

7 Maio 2021

O programa ‘Noites Abertas’ xa está en fase “desconfinamento” e prevé realizar en formato presencial 24 das 29 actividades programadas ata finais do mes de maio. A idea de sacar á rúa este programa segundo o fora permitindo a evolucuón da situación sanitaria xa estaba prevista desde o inicio, segundo anunciara no seu momento o concelleiro de Xuventude Alberto Oubiña.

O propio Oubiña achegouse esta mañá ao inicio do reparto que os “astrounautas da noite” están realizando a pé de rúa por distintos puntos da cidade de cara a promover que a mocidade participe de xeito activo nas actividades de ocio que se ofertan a través deste programa.



“Desconfinar Noites Abertas en canto se puidera era un dos obxectivos que tiñamos, porque queremos que a mocidade pontevedresa volva gozar da rúa, que volva socializar no espazo público desta cidade, na que tanto presumimos de ter o privilexio de promover a pluralidade de usos e de poñelo a disposición da veciñanza” asegurou Alberto Oubiña na praza da Verdura, punto no que comezou o reparto informativo desta mañá.

Os ‘astronautas da noite’, que comezaron coa acción informativa de rúa o pasado martes, manterán a súa actividade ata comezos da vindeira semana. Neste momento, a programación de Noites Abertas está xa totalmente actualizada na páxina web, indicando as actividades que se realizarán en liña e cales presenciais, cos puntos de encontro e horarios correspondentes.

Convén lembrar que tamén o código QR do cartaz desta edición de Noites Abertas enlaza directamente á páxina web.

Está pasando!