Novos Cinemas abre a recepción de obras para a súa undécima edición, que terá lugar do 8 ao 13 de decembro en Pontevedra

7 Abril 2026

Cineastas emerxentes de todo o mundo poderán inscribir os seus filmes ata o 1 de setembro nas seccións competitivas do festival


O festival Novos Cinemas abre o prazo de recepción de obras para a súa 11ª edición, que se celebrará do 8 ao 13 de decembro. Once anos despois do seu nacemento, o festival continúa a ser un espazo de chegada para primeiras e segundas películas que buscan o seu lugar no circuíto internacional.

Ata o 1 de setembro, cineastas de todo o mundo poderán inscribir as súas longametraxes en dúas das seccións competitivas do festival: a Sección Oficial e Latexos.

A terceira convocatoria, Ceres, dirixida a centros de ensino e formación cinematográfica e audiovisual de España e Portugal, anunciarase proximamente.

ADMISIÓN DE FILMES

Sección Oficial, orientada a propostas cinematográficas arriscadas e heterodoxas.

Latexos, destinada a visibilizar obras de carácter íntimo e de produción máis contida.

Poderán participar longametraxes (≥ 60 minutos) quesexan primeira ou segunda obra, sempre que non fosen estreadas comercialmente en España nin exhibidas en televisión no momento da inscrición.

O prazo de inscrición estará aberto do 6 de abril ao 1 de setembro de 2026. A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través da web oficial do festival, onde tamén están dispoñibles as bases completas.

XURADOS E PREMIOS

O festival concederá seis premios:

– Premio NOVOS CINEMAS á mellor longametraxe da Sección Oficial, dotado con 3.000€, que se repartirá entre produción e dirección.

– Premio XURADO NOVO á mellor dirección da Sección Oficial, outorgado por alumnado da Universidade de Vigo.

– Premio CERES, cunha dotación de 1.000€, ao mellor curtametraxe da súa sección.

– Premio da CRÍTICA, outorgado por profesionais da crítica cinematográfica.

– Premio LATEXOS, que inclúe a exhibición comercial da película premiada en salas colaboradoras e unha dotación económica de 500€ para a dirección.

– Premio do PÚBLICO, para a película mellor valorada pola audiencia.

INSCRICIÓN E BASES

Poderán inscribirse aquelas películas que non fosen estreadas comercialmente en España nin emitidas en televisións públicas ou privadas no momento da súa inscrición.

Toda a información e o formulario de inscrición están dispoñibles en novoscinemas.com

Está pasando!