O Museo de Pontevedra acollerá a 9ª edición das Xornadas de Exiptoloxía, que nesta ocasión tratarán sobre a necrópole do visir Amen-Hotep

14 Xullo 2022

O Museo de Pontevedra acolle os días 20 e 21 de xullo a novena edición das Xornadas de Egiptoloxía. Os relatorios correrán a cargo da dirección da investigación sobre a necrópole do visir Amen-Hotep Huy, formada polo exiptólogo Francisco Martín-Valentín e a exiptóloga Teresa Bedman, que falarán do enorme incremento dos datos dispoñibles nos últimos vinte e cinco anos sobre o reinado de Amen-Hotep III e o nacemento do movemento atoniano.

Como unha parte esencial dos citados traballos sobre o mencionado período figuran os descubrimentos levados a cabo polos autores nas escavacións realizadas na tumba do visir Amen-Hotep Huy (Asasif núm.-28-), o que lles permitiu propoñer unha visión histórica nova dos acontecementos que marcaron o final da dinastía xviii.

Nos relatorios ofrecerase un estudo do reinado de Amen-Hotep III, o noveno faraón da dinastía xviii, considerado no seu adecuado contexto histórico, realizado baixo a óptica da chamada “correxencia longa” entre el e o seu fillo, Amen-Hotep IV/Aj-en-Aton.

O primeiro relatorio, en conmemoración aos 100 anos do descubrimento de Tut-Anj-Amon (Tutankamon) por parte de Howard Carter, correrá a cargo de Teresa Bedman, mentres que, pola súa banda, o director do proxecto, Francisco Martín-Valentín, falará dos novos descubrimentos levados a cabo nas escavacións da necrópole.

A entrada é libre ata completar a capacidade.

PROGRAMA

Mércores 20 de xullo

  • 18:30 h. Acreditación e acto de inauguración.
  • 19:00 h. “…Cousas marabillosas: Tut-Anj-Amon, historia dun descubrimento”. Teresa Bedman, exiptóloga do Instituto de Estudos do Antigo Exipto e codirectora da Misión Arqueolóxica Española Proxecto Visir Amen-Hotep Huy.

Xoves 21 de xullo

  • 19:00 h. “Amen-Hotep III, o Aton resplandecente”. Francisco Martín-Valentín, exiptólogo do Instituto de Estudos do Antigo Exipto e director da Misión Arqueolóxica Española Proxecto Visir Amen-Hotep Huy.
Está pasando!