Marga Taboada, Rosana Martínez, Cristina García e Nuria Vilalta | Concello de Soutomaior

O 8M en Soutomaior centra o seu foco na visibilización e recoñecemento da figura da matrona

27 Febreiro 2025

A concelleira de Igualdade e Benestar Social de Soutomaior, Rosana Martínez Boullosa, a directora do CIM, Cristina García, a Técnica de Igualdade, Marga Taboada e a Educadora Familiar, Nuria Vilalta, presentaron a programación do 8M para este 2025.

Baixo o lema ‘Matronalia’, este ano a campaña do Concello de Soutomaior polo Día Internacional da Muller centra o seu foco na visibilización e recoñecemento da figura da matrona.

Unha conmemoración que nos achegará, entre outros, o concerto, de balde, de Guadi Galego, ou o recoñecemento a Marisol Santomé, quen exerceu como matrona en Arcade durante case dúas décadas (entre o 2004 e 2022).

A programación do 8M botará a andar o venres 7 de marzo ás 11:00 horas, coa presentación da campaña ‘Matronalia’ no Centro de Saúde de Arcade.

Este mesmo día, ás 21:00 horas, o Multiúsos de Arcade acollerá o espectáculo ‘Síntese horizonte’ de Guadi Galego. Con entrada de balde, as persoas interesadas en asistir ao concerto deberán retirar as entradas o luns 3 de marzo en horario de mañá no concello, de 9:00 a 14:00 horas, ou pola tarde no Multiúsos entre as 19:00 e as 21:00 horas.

Poderán retirarse un máximo de dúas entradas por persoa e as entradas que non se adquiran nesa xornada poderán ser retiradas o día do concerto de 20:00 a 20:30 horas.

A programación do 8M continúa o venres 14 de marzo no Multiúsos co faladoiro ‘Improntas feministas. O Rol das matronas na historia’, coordinado por Paula Conde López, actual matrona de atención primaria no centro de saúde de Arcade. Ás 20:00 horas, Marisol Santomé (Matrona en Arcade entre 2004 e 2022) recibirá o recoñecemento ‘María a das mil flores’.

A programación continuará cos obradoiros ‘Climatéricas’ e ‘Chan pélvico’, que se desenvolverán nos meses de abril e maio.


Está pasando!