Presentación do novo proxecto que o CIFP Carlos Oroza levará a cabo no Mercado | © Concello de Pontevedra

O alumnado da Escola de Hostalaría de Leioa chega a Pontevedra para poñer en práctica o aprendido no primeiro andar do Mercado

16 Outubro 2024

O Concello de Pontevedra promove esta actividade no marco de colaboración que mantén co CIFP Carlos Oroza, que realiza o intercambio bilateral co centro de ensinanza vasco


A edil de Promoción económica, Anabel Gulías, presentou este mércores, 16 de outubro, unha nova colaboración co CIFP Carlos Oroza dentro do marco dun proxecto que se iniciou o ano pasado, e que tiña como epicentro o primeiro andar do Mercado de Pontevedra, «un exemplo de boa práctica e un exemplo fundamental para poñer de novo en marcha este espazo».

A concelleira quixo agradecerlle á Consellería de Educación a súa colaboración neste proxecto e ao CIFP Carlos Oroza polo seu compromiso demostrado ao longo dos anos na súa relación co Concello de Pontevedra. «Non son poucas as colaboracións que temos co Carlos Oroza, pero sen dúbida a que máis ilusión me fai é esta fiestra permanente do Oroza no Mercado, un espazo emblemático e unha sinerxía perfecta cos usos tradicionais do Mercado».


Presentación do novo proxecto que o CIFP Carlos Oroza levará a cabo no Mercado | © Concello de Pontevedra

O director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo, estivo acompañado do profesor Ricardo Fernández e da representante da Escola de Hostalaría de Leioa, Nerea Díaz, centro que se realizará este curso o intercambio bilateral previsto, e cuxo alumnado tomará esta xoves o primeiro andar do Mercado para ofrecer un menú especial, poñendo en práctica o aprendido durante o seu paso pola escola, en colaboración co alumnado e profesorado do Carlos Oroza.

O profesor Ricardo Fernández destaca a importancia de poder realizar este tipo de propostas nun espazo coma é o Mercado. «O alumnado recibe este tipo de iniciativas de xeito moi positivo», explicou. Pola súa banda, Nerea Díaz indicou que estaban «encantados de estar en Pontevedra, nunha experiencia nova que nos permite en valor a nosa cultura». «Queremos aprender, e queremos ver o que se fai fóra, e aprender deste xeito, e o proxecto do Mercado é, desde logo, envexábel».

Está pasando!