O Arquivo municipal dixitaliza máis de 200 postais sobre a Vilagarcía da primeira metade do século XX, que poden visualizarse dende Atopo

18 Marzo 2025

  • Os técnicos do arquivo municipal veñen de realizar o proceso de dixitalización dunha colección de 234 postais que se atopan no Concello.
  • Trátase dunha viaxe á Vilagarcía da primeira metade do século XX, cando a Praza de Galicia era “Puerta del Sol” ou Valentín Viqueira era a “rúa Comercio”.
  • Tamén conta con algunhas imaxes doutros concellos da contorna, como A Illa de Arousa ou O Grove.
  • Grazas a este traballo calquera persoa poderá velas a través do portal ATOPO (atopo.depo.es), un catálogo documental e bibliográfico da Deputación de Pontevedra en Internet.

As postais teñen un gran valor como testemuñas visuais da historia e cultura do século pasado. A colección composta agrúpase segundo as temáticas (rúas, igrexas, mercado, praias, Illa de Cortegada…) e conta cunha firma e edición moi variada. Así, atopamos nomes de autores coñecidos como Hauser y Menet, ou Thomas, e outros de marcado carácter local, coma Foto Martínez ou M. Reguera.



As imaxes proceden, na súa maioría, de compras que fixo o Concello de Vilagarcía ao longo dos anos e outras de doazóns de particulares. A dixitalización destas postais, xunto coa levada a cabo das fotografías que compoñen o fondo do Liceo Casino, enmárcase dentro dun proxecto de difusión e posta en valor do material de carácter audiovisual que alberga o Arquivo municipal.

Ademais de fotografías de Vilagarcía, tamén hai algunhas de concellos da contorna: a praia de Silgar, en Sanxenxo; a Illa e o Balneario da Toxa, no Grove; o porto pesqueiro da Illa de Arousa ou o Pazo de Fefiñáns, en Cambados.



Ao longo dos últimos anos, dende o Arquivo municipal foron subíndose á plataforma ATOPO centenares de documentos. Entre eles, por exemplo, as actas do pleno dende 1840, é dicir, dende practicamente a creación dos primeiros concellos constitucionais. Igualmente, pode seguirse a pista documental dos máis diversos asuntos (edificios, urbanismo, etcétera) para logo consultarse fisicamente no Arquivo Municipal.

A documentación aportada polo concello súmase así á que xa ten a Deputación de Pontevedra sobre a cidade, que tamén se pode consultar dende ATOPO.

Está pasando!