O Ateneo Santa Cecilia acolle a vixésimo sétima edición da exposición “Voilà la Femme”

9 Xaneiro 2021

Este luns inaugúrase a vixésimo sétima edición de “Voilà la Femme”, unha exposición integrada na súa totalidade por mulleres. Neste caso esta edición é a correspondente ao ano 2020 que non se puido celebrar debido a situación de pandemia e confinamento.

A exposición está comisariada por Celeste Garrido, e coordinada por Belén Diz e Celeste Garrido.

A fotografía, a ilustración, a serigrafía, a escultura, a instalación e a vídeo-creación son as disciplinas artísticas das que consta esta edición que se poderá visitar no Ateneo Santa Cecilia de Marín do 11 ao 31 de xaneiro de 2021. 

Son seis as artistas que conforman esta exposición colectiva:

  • ANA SÁNCHEZ GAREA 

Ilustracións baseadas, moitas de elas, en películas e realizadas combinando o branco e negro do lapis cunha selecta gama de cores, simbólicos e moi representativos.

  • UXÍA ANTONIA PÉREZ LORENZO

Traballa con madeira e látex, simulando colgaxos de pel con formas orgánicas combinadas con madeira. Traballa coa idea da frustración, da identidade e dos límites entre o propio e o alleo.

  • LUCÍA OTERO CARBALLA 

Esta artista traballa sobre o espazo físico e o fogar e xera series de fotografía en branco e negro que falan sobre o cotiá, centrado de maneira especial nos espazos propios do “rural”. Recrimina que o rural galego se vexa en ocasións denigrado e apela a recuperación da fotografía popular galega.

  • TAMARA VÁZQUEZ 

A partir da experiencia persoal de que a súa nai é unha “señora da limpeza”, Tamara fai unha reflexión en torno ao emprego digno e ao feito de que a muller sexa en ocasións explotada, especialmente por grandes empresas, “traballando en negro” e renunciando aos dereitos de calquera traballador/a, sendo menospreciada.

  • BEATRIZ PÉREZ 

Presenta un proxecto audiovisual que mostra un autorretrato a través da viaxe no tempo da memoria e os recordos, partindo das experiencias vitais propias: “a relación coa miña nai e o padecemento do tínitus”.

  • CRISTINA CHIARRONI 

Esculturas de cerámica que lembran espazos cotiás que dialogan co corpo da artista, os cales interactúan coas pezas durante a consecución dun vídeo.

Cartaz XXVII Voilà la Femme

Está pasando!