O Ateneo Santa Cecilia convoca o VII Concurso de Relato Curto “Marín Conta” – Letras Galegas 2021

16 Abril 2021

O Ateneo Santa Cecilia de Marín convoca o VII Concurso de Relato Curto “Marín Conta” – Letras Galegas 2021, aberto á participación de escolares dos centros de ensino de Marín e atendendo á súa proximidade xeográfica tamén a Placeres.

Poderán participar todos os/as alumnos/as que o desexen, cun único texto de creación literaria en lingua galega cunha extensión máxima de 500 palabras. Os traballos deberán presentarse por triplicado, mecanografados e escritos empregando o tipo de letra ‘Times New Roman’, tamaño 12, a dobre espazo. No caso de escolares de Primaria, acéptanse traballos manuscritos.No caso de tratarse da categoría de “Educación Especial” a extensión será de entre 30 e 50 palabras.

A temática e xénero narrativo serán libres, establecéndose como única condición que o relato aconteza en Marín. Os textos presentados deberán ser inéditos baixo calquera formato, non premiados en ningún outro certame anterior, nin estar pendentes de resolución doutro concurso.

Os relatos presentaranse baixo “lema”, acompañados dunha “plica” en sobre pechado. Na mesma figurarán os datos persoais do autor ou autora: nome, idade, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico, centro de ensino, categoría na que participa, e título do relato. No caso de menores de 14 anos, a plica deberá ser asinada por un dos pais ou titores, facendo constar que autorizan a participación do seu fillo ou filla neste concurso. No caso de resultar premiado, o Ateneo Santa Cecilia difundirá a autoría do texto nos medios de comunicación e redes sociais, así como a imaxe do seu autor/a.

Os traballos deberán presentarse na sede do Ateneo Santa Cecilia de Marín (Rúa do Forno nº42, baixo – 36900 · Marín · Pontevedra). Poderán entregarse en persoa ou remitirse por correo electrónico a ateneosantacecilia@gmail.com

O prazo de recepción de obras remata ás 20:00 horas do xoves 6 de maio de 2021.

O Xurado estará formado por tres persoas, cuxo fallo será inapelable, e poderá declarar desertos os premios dunha ou máis categorías. O xoves 13 de maio daranse a coñecer os traballos finalistas en cada unha das catro categorías do concurso (Primaria, ESO, Bacharelato/FP e Educación Especial). O fallo e entrega de premios terá lugar o martes 18 de maio ás 20:00 horas no local do Ateneo Santa Cecilia (Rúa do Forno, nº 42 – Baixo).

Establécense catro premios por cada categoría (Primaria, ESO, Bacharelato/FP e Educación Especial). Todos os/as finalistas recibirán, asemade, un diploma acreditativo da súa participación.

Os textos premiados quedarán en poder do Ateneo Santa Cecilia de Marín, que se reserva o dereito da súa publicación se así o estima oportuno. A partir dos dous anos, o relato quedará a disposición do autor.

O Ateneo Santa Cecilia non devolverá os orixinais presentados a concurso.

Os/As autores/as, polo feito de participar neste Certame, aceptan as presentes Bases e o fallo do Xurado. Para todas aquelas cuestións non previstas nos apartados anteriores, aplicarase o criterio inapelable do Xurado.

O incumprimento de calquera dos puntos das Bases descualificará de inmediato o traballo presentado.


Está pasando!