‘O porco de pé’ | © Producións Teatrais Excéntricas

O auditorio de Vilagarcía acolle esta semana dúas obras teatrais, ‘O porco de pé’, dixirida por Quico Cadaval, e ‘Nai’, de Amorodio Teatro

9 Outubro 2023

  • O auditorio de Vilagarcía servirá esta semana de escenario teatral por partida dobre. Por unha banda, o mércores, coa representación de ‘O porco de pé’, baseada na obra homónima de Vicente Risco e dirixida por Quico Cadaval; por outra, o vernes, ‘Nai’, a obra de Amorodio Teatro que houbo de ser suspendida a semana pasada a causa da enfermidade de unha das actrices
  • Os billetes poden ser adquiridos en Ataquilla.com e tamén no propio auditorio dende as 18:00 horas do día da función, evitando así os gastos de xestión

‘O porco de pé’, obra de Risco en versión de Pepe Sendón, está protagonizada por Patricia Vázquez, Victor Mosqueira e Evaristo Calvo, que nos introducirán o mércores 11 de outubro nun “teatro de barracón”, aquel que, na infancia, nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais.

Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, e finxe ser un ser humano con tanta graza que resulta imposible distinguilo.

Unha divertida sátira a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabaret que ten hoxe máis vixencia que nunca.

Pola súa banda, o venres 13 de outubro, Amorodio Teatro ofrecerá un espectáculo teatral multidisciplinar, que emprega ferramentas do teatro documento e da autoficción, sen perder nunca o sentido do humor.

‘Nai’ explora, a través das figuras das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, e as súas fazañas como salvadoras dunha cantidade estimada de 500 persoas durante o Holocausto, a posibilidade de sermos mellores persoas en tempos de degradación moral.

En ambos casos as funcións comezarán ás 20:00 horas e as entradas poden adquirirse a través de Ataquilla.com

Os prezos son idénticos: 5 euros, coa posibilidade de adquirir un tiquet bonificado de 3 euros amosando a tarxeta de desempregado, o Carné Xove ou un DNI que acredite que o seu titular ten máis de 65 anos.

Os billetes poden ser adquiridos tamén no propio auditorio dende as 18:00 horas do día da función, evitando así os gastos de xestión.


Está pasando!