O Auditorio Municipal de Cangas acolle a estrea de ‘CEIBE’, o novo espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza

26 Febreiro 2024

  • A peza, que afonda na relación entre o xénero e a tradición, estréase o 2 de marzo ás 20:00 horas coas entradas practicamente esgotadas
  • ‘CEIBE’ conta cun elenco de 8 bailadoras e bailadores, con Fran Sieira e Sergio R. Suárez na dirección artística e MounQup e Carlos Quintá na composición musical

Despois do éxito de ‘DeMente’, Fran Sieira Compañía de Danza presenta ‘CEIBE’, unha peza contemporánea reflexo do baile e a música tradicional que investiga a relación entre o xénero e a nosa tradición. A nova proposta dirixida polo bailador Fran Sieira e o bailarín Sergio R. Suárez estréase o 2 de marzo, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Cangas coas entradas practicamente esgotadas.

En ‘CEIBE’ oito bailadoras e bailadores falan sobre as identidades de xénero e a tradición a través da linguaxe do movemento. A peza busca comprender como o xénero nos atravesa socialmente e, de forma concreta, no baile tradicional.

‘CEIBE’ reflexiona sobre os estereotipos para establecer novas formas de entender as identidades de xénero. No escenario, os corpos carentes de xesto propoñen ao público fixar a mirada na expresión corporal, habitualmente marcada polos modelos hexemónicos de masculinidade e feminidade. A maraña de fíos vermello nos rostros simboliza os códigos sociais que, desde que nacemos, condicionan a nosa maneira de ser, actuar e movernos.

‘CEIBE’ é o resultado dun proceso creativo moi enriquecedor que segue aberto” asegura Fran Sieira, director da compañía e codirector do novo espectáculo. “Mantemos a posibilidade de seguir investigando en escena, en cada actuación, a forma na que o xénero atravesa os nosos corpos”, di o bailador e tamén codirector artístico da peza, Sergio R. Suárez, profesional da danza mestrado en materia de xénero e temática LGBTIQ+

Desde xuño de 2023, ‘CEIBE’ foi collendo forma en distintas residencias artísticas en Allariz, Santiago de Compostela, Ribeira e Ames. En cada unha das etapas o proceso creativo foi repousando, madurando e medrando dento e fóra de escena. O resultado final compartirase o 2 de marzo no Auditorio Municipal de Cangas e na xira de presentación da peza.



Nesta ocasión, o elenco de bailadoras e bailadores de ‘CEIBE’ está formado por Adela Otero, André Adrio, Aida Tarrío, Artur Puga, Cris Canosa, José Adrián Casal, Martín Mondragón, María Montero e Patricia Sanchez. A composición musical é de MounQup con cancións de Carlos Quintá; o deseño do espazo escénico, de Laura R. Iturralde; a iluminación, de Fidel Vázquez; o espazo sonoro, de Isaac Millán; o vestiario, de Érica Oubiña e o acompañamento de dirección, de Gena Baamonde e Andrea Quintana do colectivo VACAburra.

‘CEIBE’ é o terceiro espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza e, como xa é habitual, a proposta aborda cuestións sociais coa vontade de xerar conciencia e mudar a realidade. “’DeMente’ é unha peza pro saúde mental na que visibilizamos a loita contra os estigmas que sofren as persoas que teñen algún tipo de enfermidade de saúde mental. En ‘CEIBE’, partindo tamén das nosas experiencias, estudamos como o xénero atravesa a sociedade e, en particular, o baile tradicional”, reflexiona Sieira.

A compañía naceu en 2017 como un paso máis na carreira artística do bailador Fran Sieira, un dos nomes de referencia na danza tradicional do país. En 2023 os seus espectáculos formaron parte, entre outros, da programación do Festival Internacional de Teatro de Manizales (Colombia), da Fira Mediterrània de Manresa (Catalunya) e da Red Acieloabierto, a rede estatal de festivais de danza contemporánea en espazos non convencionais. En 2022, DeMente foi candidata a sete categorías dos Premios Max, entre os cales ao mellor espectáculo de danza.

A xira de estrea de ‘CEIBE’ ten as seguintes datas pechadas:
`
02/03 • Auditorio Municipal de Cangas
09/03 • Teatro Principal de Santiago de Compostela
12/04 • Casa da Cultura de Milladoiro, Ames
26/04 • Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa
27/04 • Pazo da Cultura, Narón
03/05 • Auditorio Municipal Gustavo Freire, Lugo
16/05 • Teatro Rosalía de Castro, A Coruña

Está pasando!