O Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo bate récords con máis de 120.000 asistentes en 2023
1 Febreiro 2024
- En 2023, o Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo superou os 120.000 asistentes, duplicando a asistencia en tres anos, e consolidando así a súa reputación como un espazo versátil e de gran demanda para unha ampla variedade de actividades culturais e empresariais
- Máis de 81.000 persoas gozaron de espectáculos en vivo, mentres que eventos como congresos e feiras atraeron a case 40.384 asistentes adicionais no Pazo de Congresos Mar de Vigo
- O Festival TerraCeo, un dos eventos máis destacados do Mar de Vigo, logrou un rotundo éxito en 2023 ao atraer a 11.000 espectadores. Ademais, demostrou a súa popularidade ao esgotar completamente as entradas para o 80% das actuacións das 13 bandas e artistas programados, meses antes da súa realización.
O Auditorio Mar de Vigo pecha 2023 cos mellores datos de ocupación desde a súa apertura. Un total de 121.384 persoas visitaron as súas instalacións o ano pasado, un 92% máis que en 2021, cando se retomou a programación habitual tras a pandemia da Covid-19. Tres anos de “nova normalidade” nos que se duplicou a asistencia aos eventos e espectáculos do Mar de Vigo. O 70% –81.000 persoas– asistiron aos 70 concertos e espectáculos programados, mentres que o outro 30% – 40.384 persoas– asistiron presencialmente a congresos, feiras ou actos celebrados neste espazo.
A cuarta edición do festival TerraCeo consolida a terraza do Mar de Vigo como un gran espazo de concertos exclusivos para a cidade. Durante os meses de maio a setembro 11.000 persoas puideron gozar da música e a posta de sol tras as Illas Cíes. Un total de 11 concertos onde o 80% das 13 bandas e artistas colgaron o cartel de “esgotado” meses antes de subirse á azotea máis exclusiva do skyline vigués.
Entre os concertos destacados, atópanse artistas nacionais e internacionais como Arde Bogotá, Tinariwen, Depedro, Curtis Harding, Julieta Venegas, Chk Chk Chk (!!!), La La Love You, Kitty, Daisy & Lewis, María José Llergo ou Pancho Varona, dentro da liña do festival de atraer a artistas de diferentes estilos e xéneros á cidade.
Ademais, o Mar de Vigo tamén triplica nos últimos 3 anos a afluencia a congresos, feiras profesionais e actos organizados por diversas entidades entre as súas paredes: dos 10.900 profesionais que pasaron polo edificio en 2021, en 2023 a cifra ascende a 40.384 asistentes de diversas entidades e organizacións.
Os congresos quedan no Mar de Vigo
En 2023, o Auditorio Mar e Vigo consolidouse como o gran espazo para congresos e reunións corporativas de todo tipo, converténdose no espazo elixido para reunións sinaladas no calendario de diversos sectores económicos.
Destacan a cita anual da Organización de Pesqueiras do Atlántico Noroeste, máis coñecida por NAFO, que congregou o pasado mes de setembro ás diferentes delegacións europeas e de 12 países máis ou a Reunión informal de ministros de Pesca, liderada polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, como anfitrión deste consello que congregou a 500 persoas no Mar de Vigo.
Outro dos grandes eventos que se consolidan neste espazo é o Vigo Global Summit, co que o Consorcio Zona Franca de Vigo celebrou o pasado ano o seu 75 aniversario, coa participación de empresarios, economistas e dous premios Nobel de Economía, Abihijit Banerjee e o estadounidense Paul Krugman.
A mesa da Ciencia Pesqueira presidida polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e a ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant e a “38ª Edición de las Jornadas Nacionales de Enfermería en Traumatología y Cirugía Ortopédica” foron outros dos dous encontros máis relevantes da cidade.
A entrega de Premios Ardán á excelencia empresarial, con personalidades destacadas do tecido empresarial galego, o Foro Emprego 2023, que deixou a máis de 1.000 asistentes e convencións de empresas como Viko ou o Real Club Celta de Vigo son outros dos encontros celebrados no recinto ao longo deste ano.
Público adulto e familiar, fieis a concertos e espectáculos de toda índole
O Auditorio Mar de Vigo ofreceu un ano máis unha programación variada, para todo tipo de público adulto e familiar.
Entre as actuacións musicais que máis éxito cultivaron están as da cantante e compositora francesa Zaz, que encheu o Auditorio ao completo con 1.500 asistentes. Do mesmo xeito que Manolo García, Víctor Manuel, o portugués Salvador Sobral, o musical Cruz de Navajas, a lendaria banda de rock británica liderada por Ian Anderson, Jethro Tull, George Harris, Niña Pastori, os estadounidenses Calexico ou a gran Sílvia Pérez Cruz.
Espectáculos en ton de humor e monólogos como “El sentido do humor”, protagonizada por José Mota, Santiago Segura e Flo ou Cimas & Vaquero; Mentes Expertas de Emilio Duró ou Monólogos R foron outros dos espectáculos máis destacados. A final de Vigo Porté ou personalidades como Paz Padilla, tamén encheron o recinto vigués ata a bandeira.
Entre o público familiar destaca o directo de Cantajuegos, con 2.000 familias coreando as súas letras; o Musical de Tadeo Jones con máis de 1.000 asistentes. Eventos benéficos en favor de ASDEGAL ou Bicos de papel tamén colgaron o ‘sold out’.
Grandes óperas como “La traviata” e o ballet “O crebanoces” tamén encheron o Auditorio Mar de Vigo a finais do 2023. O ano pechou co espectáculo do Gran Circo Acrobático de China, con case 3.000 asistentes o que reflicte o éxito dunha programación destinada a cubrir diferentes franxas de idade e gustos: desde concertos de música pop, rock, folk…, pasando por teatro, musicais, actuacións familiares, ópera, ballet, monólogos ou música clásica.
Un espazo que sitúa a Vigo no mapa nacional de grandes eventos
Un ano de récords para a cidade olívica. En 2023 pulverizou todas as cifras anteriores roldando o millón de visitantes, cifra que supón para Vigo asentarse como o segundo municipio por turismo de Galicia, só superado por Santiago de Compostela. Segundo os últimos datos do INE 977.449 persoas ocuparon os hoteis vigueses, unhas 30.000 máis que o exercicio anterior, cifra á que a fervente actividade do Mar de Vigo achega unha importante porcentaxe.
A privilexiada localización do auditorio, a escasos metros do centro da cidade, sitúao como o enclave perfecto para seguir cultivando encontros culturais e empresariais de gran peso para o desenvolvemento económico da cidade. As astronómicas cifras desta aposta do Concello de Vigo por manter e dinamizar este gran espazo de encontro na urbe viguesa, onde a súa propia evolución fai que as previsións sexan moi optimistas para situar a Vigo como unha cidade de referencia en grandes eventos.