© comicamente.gal

O bo humor percorrerá Galicia este verán co ciclo ‘Comicamente’

24 Xullo 2021

Este verán nace o ciclo ‘Comicamente’, impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións co apoio da Xunta de Galicia para levar o humor a 12 concellos da Comunidade desde finais de xullo a comezos de setembro.

O proxecto, enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, súmase ás iniciativas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de contribuír á reactivación do sector cultural.

Se hai algo que se contaxia dun xeito máis rápido e moito máis doado que a COVID-19 é a risa. Son ben coñecidos desde hai tempo os seus efectos terapéuticos: reduce o estrés, favorece a dixestión e incrementa a produción de anticorpos dun xeito totalmente natural.

O recoñecemento da actividade Cultural como esencial ten moito que ver cos beneficios que, logo dun ano complicado, pode achegar á sociedade como alternativa de lecer que axude aesquecer as tráxicas consecuencias da situación sociosanitaria.

‘Comicamente’ pretende ser parte dunha oferta cultural que axude a galegas e gelegos a mellorar a súa calidade de vida a través do humor.

O Carballiño, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Ourense, Mondoñedo, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Lalín son os concellos confirmados que van acoller, do 31 de xullo ao 4 de setembro , as actuacións previstas de Carlos Blanco, Carmen Méndez, David Perdomo, Luis Piedrahita, Xosé A. Touriñán, Pepo Suevos, Marita Martínez, Federico Pérez, Celso Sanmartín, Ledicia Sola, David Amor, Oswaldo Digón e Isi.

Todos os espectáculos serán en emprazamentos ao aire libre e cunhas moi coidadas postas en escena.

As entradas para asistir aos espectáculos pódense adquirir en Ataquilla.com

Está pasando!