Presentación do Campionato de España de Barco Dragón | © Concello de Pontevedra

O Campionato de España de Barco Dragón promete ser todo un espectáculo visual e deportivo esta fin de semana en Verducido

10 Agosto 2023

  • As probas, que se realizarán en distancias de 500 e 200 metros na categoría sénior, serán celebradas ao longo de todo o sábado, 12 de agosto, e da mañá do domingo, 13 de agosto
  • En total, a cita contará coa participación de case 600 deportistas, onde a maioría serán mulleres, ocupando o 58 % das inscricións

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, presentou na mañá de onte, mércores, o Campionato de España de Barco Dragón 500 metros e 200 metros, acompañada do presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea.

«A aposta deste Concelle é sabida e está clara: promocionar todos os eventos deportivos posíbeis», indicou a edil. «Nese sentido, tendemos a man para cooperar e traballar polo deporte, neste caso polo piragüismo, disciplina que ten unha posición privilexiada no noso municipio. Hoxe só podo agradecerlle a Federación a dinamización que supón para a cidade e para todas nós a organización deste tipo de citas que require un esforzo».



A cita presentada esta mañá desenvolverase na xornada do vindeiro sábado, 12 de agosto, e na mañá do domingo, 13 de agosto. «A modalidade dragón é unha modalidade nova, interesante e integradora, ademais de moi vistosa de ver», sinalou Gulías, ao tempo que lembraba que a coincidencia co comezo das Festas da Peregrina, engade unha chiscadela deportiva a programación que a cidade vivirá nos próximos días.

Bea explicou que a modalidade dragón está entrando «con moitísima forza en toda Europa e neste caso tamén na Península. A día de hoxe a comunidade galega conta con máis de vinte dragóns nos clubs de piragüismo».

Doutra banda, o presidente quixo sinalar unha singularidade realmente importante desta modalidade, como é contar cun número de mulleres maior que de homes na súa práctica. «Temos inscritas 345 mulleres nesta competición, representando ao 58 % dos participantes, sendo os homes 253».

Está pasando!