Presentación do XXV Cidade de Pontevedra de Taekwondo | © Concello de Pontevedra

O Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo converterá o Pavillón Municipal dos Deportes nun fervedoiro con máis de 1.300 participantes

2 Novembro 2023

O torneo chega á súa edición número 25 cunha cita que reunirá a representantes de 102 clubs procedentes de todo o mundo, como Guinea, Alxeria, Bélxica, Perú, España ou Portugal


O Pavillón Municipal dos Deportes acollerá un aniversario especial esta fin de semana, co inicio do Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo. O torneo acada a súa edición número 25 e máis de 1.300 deportistas de 102 clubs distintos pasarán polo espazo municipal entre o sábado 4 e o domingo 5 de novembro.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo transmitirlle os seus parabéns ao Club Mace Sport por seguir organizando esta cita e celebrar as súas «vodas de prata» na Boa Vila. «Estamos encantados de que este torneo sexa cada vez máis internacional», indicou o rexedor. «Ano tras ano, sempre agardamos por esta cita».

Serán instaladas até 13 pistas no Pavillón Municipal dos Deportes para dar conta da frenética e emocionante actividade que se vivirá nos vindeiros días. O campionato comezará o sábado a partir das 09.00 horas coas categorías júnior e infantil xunto á modalidade de técnica; para logo continuar desde as 16.00 horas coas probas absolutas, máster e precadete.

No caso do domingo, a actividade iniciarase ás 09.00 horas, disputaranse os combates de cadetes e tamén o resto de categorías de técnica, para entrar na recta final da xornada, a partir das 15.00 horas, co freestyle.

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, explicou que a organización deste torneo é todo un reto para o club, «e sempre que sexa posíbel, o Concello estará aí para apoiar ao Mace Sport». «Estivemos, estamos e estaremos aí, mais sen o voso protagonismo, sen a vosa iniciativa, non sería posíbel».

Está pasando!