Presentación do Campionato Multisport de Tríatlon | Concello de Pontevedra

O Campionato Multisport de Tríatlon achegará a Pontevedra a máis de 10.000 persoas e máis de 3.000 deportistas

18 Xuño 2025

«Pontevedra é como Javi Gómez Noya, multicampión do mundo de tríatlon», indicou o alcalde Lores na presentación do Campionato Multisport que se celebrou no vestíbulo do pazo consistorial e no que estivo arroupado polo director técnico da competición, Jorge García, o vicepresidente de Deputación, Rafael Domínguez, a delegada da consellería de Cultura, Branca Señoráns, a concelleira de Deportes, Anabel Gulías e o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Javier Campos.

Referíase o rexedor coa súa comparación entre a cidade e o triatleta a que ambos conseguiron un papel destacado neste deporte. Precisamente o primeiro mundial que celebrou Pontevedra foi o de Dúatlon, cando aínda non estaba incluído no Multisport. Desde entón é o cuarto mundial —o segundo en formato multisport— e o próximo ano celébrase de novo a Gran Final.

Polo demais, Lores quixo felicitar ao gran número de persoas que traballan na organización, capitaneadas polo Servizo Municipal de Deportes, a cuxo responsable, Jaime Agulló, citou especialmente, xa que nel recae o peso de toda a organización. Así mesmo, agradeceu o gran traballo que realizan as e os voluntarios, coordinados pola Oficina de Voluntariado de Pontevedra; un dispositivo no que se inclúen, ademais de persoas particulares, outras que forman parte da Brilat, a Escola Naval, o Centro Penal da Lama, a Asociación Xoan XXIII ou a Asociación Española Contra o Cancro, entre outras múltiples entidades que achegan o seu esforzo.

O director técnico da Fetri, Jorge García, congratulouse do ambiente que se vive en Pontevedra: «nada máis chegar á cidade xa notas a esencia do tríatlon, xa percibes como toda a cidade está envorcada no evento para que sexa un éxito, con todas as áreas municipais entregadas».

Foi a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quen presentou o acto lembrando que Pontevedra é a cidade «que fai doadas as cousas difíciles», en referencia a «un modelo de cidade que nos permite realizar probas tanto en pleno medio urbano, sen ter que levalas aos arredores, como en plena natureza», como este ano ocorre coas competicións cross que rodearán o encoro do Pontillón. Competicións, que en palabras de Gulías, «buscan a excelencia e a calidade».

O apoio de Deputación á competición foi referendado por Rafael Domínguez, quen considerou moi positivo que a cidade se converta estes días no centro do triatlón mundial e en nome da Xunta, a delegada provincial da consellería de Cultura, Blanca Señoráns animou a todas e todos a gozar do deporte e fixo votos por que a cidade continúe a ser sede de eventos tan top como os campionatos mundiais de triatlón.

Está pasando!