O campus de Pontevedra busca consolidar a súa aula de teatro

11 Outubro 2022

Tras doce anos sen actividade, Pontevedra recuperou o pasado mes de abril a súa Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), que incluía na súa programación a obra ‘Nosa señora das nubes’, a primeira montaxe da Aula de Teatro do campus, posta en marcha o pasado curso pola Vicerreitoría e a Concellería de Promoción Económica e Universidades, no marco dun convenio de colaboración.

Co obxectivo de continuar e consolidar esta actividade, ata o 28 de outubro permanece aberta a inscrición na segunda edición desta aula, na que pode participar tanto a comunidade universitaria como o conxunto da cidadanía. Co responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, como docente, o obxectivo desta actividade é achegar os asistentes ás diferentes fases do proceso de creación teatral, dando como resultado final a preparación dunha obra que as e os integrantes da aula presentarán nunha nova edición da Miteu.

“Estamos moi contentos de que volva realizarse unha actividade que na anterior edición tivo moi boa acollida e na que ademais houbo unha alta participación por parte da comunidade universitaria”, salienta Luis Torres, director de área adxunto á Vicerreitoría do campus. Con inscrición gratuíta e aberta á participación de toda a cidadanía, a aula conta con 15 prazas e desenvolverá a súa actividade, entre os meses de novembro e maio, na Facultade de Belas Artes.


A primeira edición desta actividade completouse coa estrea de ‘Nosa señora das nubes’ | © UVigo

Da iniciación á montaxe final

O propósito fundamental desta aula, como recolle o seu texto de presentación, é que tanto o alumnado universitario como calquera persoa interesada poidan participar nas diferentes fases do proceso de creación teatral, “desde o momento inicial da elección e lectura do texto ata a representación final diante dun público”. Con esa idea, a actividade impartida polo actor e director Salvador del Río proporá nas súas diferentes sesións un conxunto de exercicios prácticos dirixidos a “fomentar a capacidade de concentración, memoria, oratoria e expresión, creatividade, sentido do ritmo e musicalidade”.

Cun programa estruturado en catro bloques, esta actividade de 100 horas de duración abrangue nese senso desde unha serie de exercicios preparatorios, que permiten tanto abordar a relación entre actores como a posta a punto corporal e vocal, ata a lectura e comprensión dun texto teatral e a encarnación de personaxes, para finalmente pór o foco no desenvolvemento dunha montaxe teatral. Nese senso, a aula centrará o seu primeiro bloque de actividade, entre novembro e decembro, nos aspectos de iniciación, para xa nun segundo, entre febreiro e maio, comezar a desenvolver a súa propia montaxe.

O feito de que esta actividade formativa dea lugar a unha obra final é tamén “unha das cuestións máis importantes desta aula”, como destaca Torres, que incide en que outro dos propósitos cos que a actividade inicia este novo curso é de intentar amosar a montaxe final tamén fóra das mostras do teatro universitario.

Está pasando!