O certame Música nas Letras volve co obxectivo de mesturar o talento musical actual coa lírica das grandes autoras galegas

3 Abril 2023

O Concello de Pontevedra promove este concurso co fin de incentivar o uso da lingua galega na creación musical, ao tempo que promociona a obra das homenaxeadas nas Letras Galegas

A final do concurso acabará subindo a tres bandas locais ao escenario, coa posibilidade de levar un premio de 1.000 euros, outro de 500 euros e un último de 250 euros


Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas (17 de maio), que este ano homenaxean a Francisco Fernández del Riego, e co obxectivo e de incentivar o uso da lingua galega na música creada e interpretada no municipio, o Concello de Pontevedra convoca un novo certame musical aberto baixo o nome de Música nas Letras 2023.

As bases do certame son sinxelas:

  • As bandas ou artistas participantes deberán musicar, con composicións orixinais, un poema ou mestura libre de versos da autoría dalgunhas das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas desde o ano 1963 até este 2023
  • Calquera xénero ou estilo musical da banda será aceptado, abonda con acreditar ter un compoñente de Pontevedra
  • Os grupos ou solistas participantes remitir ao enderezo snl@pontevedra.gal a súa proposta creativa nun formato de audio (mp3, wav, Flac…) xunto cos datos da banda: nome e compoñentes, datos de contacto e fotocopia do DNI ou volante de empadroamento que certifique a nomeada residencia en Pontevedra dun dos membros
  •  Toda esta documentación deberá ser remitida antes do 2 de maio de 2023

Un xurado, composto por profesionais do sector cultural, seleccionará os grupos finalistas. Estas tres agrupacións deberán interpretar a súa composición o 17 de maio, nun acto público organizado polo Concello, intre no que tamén terá lugar a entrega de premios, sendo o primeiro de 1.000 euros, o segundo de 500 euros e o terceiro de 250 euros. Ademais, tamén haberá un premio do público consistente nun lote de libros, outorgado segundo os votos emitidos entre o 3 e o 15 de maio a través do Instagram @lingua_pontevedra


Está pasando!