Presentación do ciclo ‘Titirivedra’ | © Concello de Pontevedra

O ciclo infantil de monicreques ‘Titirivedra’ achegará sete espectáculos distintos para un público de entre 0 e 100 anos

14 Xullo 2023

Incluído dentro do programa Pontevedra Verán Fest, traerá actuacións de compañías chegadas de Portugal, Euskalerría e distintos puntos de Galiza

Todos os espectáculos se desenvolverán entre o luns 17 e o domingo 22 de xullo, na alameda, sendo totalmente de balde


O Pontevedra Verán Fest avanza día a día, semana a semana e traendo diversas apostas culturais e de ocio para toda a veciñanza. Así, o vindeiro luns, 17 de xullo, dará comezo o ciclo infantil de monicreques ‘Titirivedra’, composto por até sete actuacións distintas e rematando o domingo, 23 de xullo.

O edil de Festas, Demetrio Gómez, presentou esta mañá o nomeado ciclo, acompañado do seu programador e tamén participante, Borxa Insua. «Pontevedra tiña unha espiñiña cravada co guiñol, estamos na terra de Barriga Verde e facía falta recuperar este tipo de espectáculos de teatro», sinalou o concelleiro. «Nestas festas para todos os públicos apostamos por un ciclo que vai destinado a un público de entre 0 a 100 anos. Calquera poderá gozar con este espectáculo».


Marionetas Rui Sousa | © Rui Sousa

Deste xeito, Insua, acompañado da cabuxa Rivelina, comentou polo miúdo o programa, sinalando as diferentes compañías participantes, chegadas desde diferentes recunchos do mundo, incluíndo Galiza, Euskalerría ou Portugal.

Eis o programa completo:

  • Luns 17 – ‘Marionetas de Circo’, de Marionetas de Rui Sousa (Portugal)
  • Martes 18 – ‘Unha armadura de ferruxe’, de Títeres Cascanueces
  • Mércores 19 – ‘Dona Barriga Verde’, de Larraitz Urruzola
  • Xoves 20 – ‘A cabeza do dragón’, de Títeres Cachirulo
  • Venres 21 – ‘Xan Perillán e a maleta máxica’, de Os Monicreques de Kukas
  • Sábado 22 – ‘Monstrólogo’, de Marionetas Trécola
  • Domingo 23 – ‘Circo Galaico’, de Títeres Alakrán

Todos os espectáculos serán na alameda, ás 19:00 horas, e, como toda a programación de verán, non requirirán da compra de entrada algunha nin de reserva de ningún tipo.

Está pasando!